Cinema

Foco Agnès Varda, a última rebelde da Nouvelle Vague

Do 1 de febreiro ao 19 de abril a gran protagonista dos martes de NUMAX será Agnès Varda, a última rebelda da Nouvelle Vague, cineasta observadora, combativa, feminista, da que descubriremos algunhas das súas alfaias menos coñecidas. Arrancamos o martes 1 de febreiro coa súa opera prima, La Pointe Courte.

O Foco Agnès Varda, organizado por NUMAX en colaboración coa distribuidora Avalon, inclúe dez sesións con primeiros pases nas noites dos martes, nas que poderemos achegarnos ao xenio creativo dunha cineasta sen par. A cámara como extensión do corpo ou o cinema como medio para observar e entender mellor o mundo que nos rodea eran algunhas das máximas da cineasta francobelga que adoitaba dicir: «Non estou detrás da cámara, estou dentro dela».

Ao igual que o cinema de Varda, o Foco de NUMAX amosa unha gran variedade de linguaxes e formatos, desde a seminal La Pointe Courte, pasando por sesións de curtas feministas e militantes, deica outras pezas máis apegadas ao rexistro documental (Daguerrotipos, Muro, muros), o retrato íntimo (Jacquot de Nantes dedicado á súa parella, o tamén cineasta Jacques Demy) ou o diario filmado e autorreferencial dos seus últimos filmes (Os espigadores e a espigadora ou As praias de Agnès). Podedes atopar un adianto no vídeo promocional elaborado desde o Laboratorio NUMAX. Velaquí o programa completo:

1 de febreiro
La Pointe Courte (1955, 86')
A ópera prima de Varda divídese en dous episodios, o primeiro componse de secuencias cotiás da vila pesqueira de La Pointe Courte mentres o segundo mostra as diferenzas dunha parella composta por un mozo de vila e unha muller parisina. Unha obra de ficción con alento documental que recorda A terra treme de Visconti.
! Sesión presentada pola catedrática e cineasta Margarita Ledo Andión

8 de febreiro
Curtametraxes #01 (84')
Sesión composta por catro curtametraxes pertencentes á primeira etapa da directora francobelga, inclúe algunhas das súas pezas máis políticas e combativas: A Ópera-Mouffe (L'opéra-mouffe, 1958, 16') / Ola, cubanos (Salut les cubains 1963, 30') / Black Panthers (1968, 30') / Resposta de mulleres: o noso corpo, o noso sexo (Réponse de femmes: notre corps, notre sexe, 1975, 7')

15 de febreiro
As criaturas (Les créatures, 1966, 92')
Catherine Deneuve e Michel Piccoli protagonizan esta singular historia na que un novelista, tras sufrir un accidente de coche, remata nunha curiosa nave e descobre que adquiriu o poder de actuar sobre os demais.

1 de marzo
Daguerrotipos (Daguerréotypes, 1976, 80')
Emocionante retrato cotiá da  rúa Daguerre, no distrito 14º de París, onde vivía a cineasta. Varda filma os comerciantes, o carniceiro, a panadeira, o tendeiro do ultramarinos, o perruqueiro, a veciñanza.

8 de marzo
Unha canta, a outra non (L'une chante, l'autre pas, 1977, 115')
Asistimos á vida de dúas mulleres na Francia dos sesenta, co movemento feminista no que participou Varda como telón de fondo. Pomme e Suzanne coñécense cando Pomme axuda a Suzanne a abortar despois dun terceiro embarazo que non pode costear.

15 de marzo
Muro, Muros (Mur, murs, 1981, 85')
Documental sobre as pintadas e murais na cidade de Los Angeles. Quen os paga? Quen os mira? Na Meca da industria do cinema o pobo exprésase, sen necesidade de efectos especiais, a través dos seus muros.

22 de marzo
Curtametraxes #02 (98')
Tripla sesión de obras de diferente metraxe que inclúe Documenteur (1981, 65'), sobre a alienación dunha muller divorciada e nai dun fillo na cidade de Los Angeles; Ulysse (1983, 22'), fermosa peza de cámara sobre as imaxes capturadas en Exipto trinta anos atrás pola directora; As chamadas cariátides (Les dites cariatides, 1984, 11'), un estudo artístico sobre as cariátides de París cos versos de Baudelaire de fondo.

5 de abril
Jacquot de Nantes (1991, 118')
Sentido retrato sobre a infancia de Jacques Demy, reputado cineasta francés de filmes como Lola ou Os paraugas de Cherburgo co que Varda estivo casada e que finou un ano antes da realización deste filme.

12 de abril
Os espigadores e a espigadora (Les glaneurs et la glaneuse, 2000, 82')
Percorrendo Francia, Agnès Varda encontra espigadores, recolectores, xente que busca entre o lixo. Á súa maneira, a cineasta é tamén unha recolectora de imaxes que atopa acó e aló. Un dos documentais máis influentes das últimas décadas.

19 de abril
As praias de Agnès (Les plages d'Agnès, 2008, 110')
Documental autobiográfico no que a realizadora francesa explora as súas memorias, de forma cronolóxica, a través de fotografías, vídeos, entrevistas, representacións e narracións da súa vida.