Cinema

Foco Chantal Akerman con 6 obras clave da súa filmografía

Entre os meses de febreiro e abril celebramos un foco moi especial que nos permitirá gozar en pantalla grande dunha cineasta esencial: a belga Chantal Akerman. O ciclo está organizado en colaboración con Filmin.

A ollada autobiográfica, o desarraigo, as condicións de vida das mulleres ou a memoria persoal e colectiva do século XX son algúns dos termos cos que podemos identificar o cinema de Chantal Akerman. Austero e radical tanto no fondo como na forma, o cinema de Akerman chegou ás portadas dos xornais hai unhas poucas semanas cando foi nomeada por cineastas e críticos como a directora do mellor filme da historia, ao destronar o seu Jeanne Dielman o Vertigo de Hitchcock na primeira posición da influente lista de Sight&Sound.

O ciclo, que ocupará os martes de NUMAX do 28 de febreiro ao 11 de abril e que organizamos en colaboración con Filmin, inclúe 6 filmes en 5 sesións que prometen ser inesquecibles. Comezamos o martes 28 coa primeira curtametraxe da directora, a incendiaria Saute ma ville, que será proxectada antes de Je, tu, il, elle, obra de culto protagonizada pola propia cineasta nun personaxe eterno. O pase será presentado pola investigadora e profesora da USC Marta Pérez Pereiro.

A segunda cita co ciclo, o martes 7 de marzo, permitiranos gozar en pantalla grande dos 193 minutos de Jeanne Dielman, na que acompañamos o día a día dunha muller cuxa rutina é inmutable. Polas mañás atende os labores do fogar e polas tardes exerce a prostitución. Un día un acontecemento cambia a súa vida para sempre. Ao mellor filme da historia do cinema (Sight&Sound) seguiralle un dos máis persoais da directora belga, News from Home, no que as imaxes gravadas por ela nunha tempada vivida en Nova York acompáñanse das sentidas cartas da súa nai que periodicamente chegan desde Europa.

A cuarta cita será con Toute une nuit, na que a través de diferentes encontros na noite de Bruxelas asistimos a un tratado sobre a aceptación e o rexeitamente amoroso. Para rematar, á volta de Semana Santa, pechamos con No Home Movie, no que Chantal Akerman filma os últimos días na vida da súa nai, supervivente polaca de Auschwitz. Este filme foi realizado en 2015 e estreado meses antes de que Chantal Akerman decidise rematar coa súa propia vida.

Martes 28 de febreiro
Saute ma ville + Je, tu, il, elle (13' + 82', 1968 / 1974) * Presenta Marta Pérez Pereiro

Martes 7 de marzo
Jeanne Dielman, 23, quai du Commerce, 1080 Bruxelles (1975, 193')

Martes 14 de marzo
News from Home (1976, 85')

Martes 28 de marzo
Toute une nuit (1982, 87')

Martes 11 de abril
No Home Movie (2015, 115')

Martes 18 de abril
Le 15/8 + Hôtel Monterey (1973 / 1974, 42' + 59')