Cinema

Foco Éric Rohmer. 8 obras clave do cineasta da mirada sinxela

Chega o mes de xullo e en NUMAX queremos facerlle un oco moi especial a un dos cineastas que mellor soubo captar o tempo do verán: Éric Rohmer. Durante todo o mes proxectaremos en pases dobres oito obras mestras que nos achegarán a un dos grandes autores da modernidade. Arrancamos o luns 4 e martes 5 coa marabillosa A miña noite con Maud.

Nacido en 1920 co nome de Jean-Marie Maurice Scherer, o cineasta francés formouse en literatura exercendo como profesor na postguerra. A finais da década dos 50 múdase a París onde coñece a Godard, Truffaut e Chabrol e adopta o pseudónimo de Éric Rohmer na publicación dun libro sobre Hitchcock. Tras uns tímidos inicios na dirección, en 1962 emprende unha serie de Seis contos morais que o consagran como un dos maiores autores da Nouvelle Vague. Partindo dun realismo próximo ás teorías de André Bazin, o cinema de Rohmer acada peso propio a través de pequenas historias cotiás, case sempre escritas por el mesmo, protagonizadas por seres modernos, confusos, cheos de paradoxos, clarescuros e contradicións. A esa primeira etapa pertencen as sublimes A miña noite con Maud, protagonizada polo recentemente desaparecido Jean-Louis Trintignant, e O xeonllo de Claire, segunda cita co Foco que elaboramos en colaboración coa distribuidora A Contracorriente.

Na década dos oitenta Rohmer emprende unha nova serie de películas baixo o paraugas conceptual de Comedias e proverbios, protagonizadas case todas elas por mulleres cheas de dúbidas e vitalidade na súa busca do amor. A esa etapa pertence a luminosa Pauline na praia e un dos seus filmes máis fermosos e persoais: O raio verde. Nos anos noventa chegan os célebres Contos das catro estacións nos que gaña peso o seu estilo sinxelo, directo e despoxado de artificios para transmitir o que se atopa por tras das aparencias. Catro alfaias con numerosas conexións entre si que completan unha das traxectorias artísticas e vitais máis apaixonantes da modernidade cinematográfica.

4-5 de xullo | A miña noite con Maud (1969, 105')
Jean-Louis, un enxeñeiro católico de trinta anos, descobre un día á saída de misa a Françoise, unha muller loira, e sente que algún día ha casar con ela, pero pérdea entre a multitude. Por outra banda, o seu vello amigo Vidal, marxista convencido, lévao a casa de Maud, unha fermosa muller divorciada.

7 e 9 de xullo | O xeonllo de Claire (1970, 105')
Jerome, un escritor de mediana idade, intenta conquistar durante as súas vacacións a unha moza de 17 anos que ten parella. Instigado por unha novelista, leva adiante unha operación de sedución que ten moito de afirmación persoal.

11-12 xullo | Pauline na praia (1983, 94')
Pauline é unha adolescente de 15 anos que pasa o verán na costa atlántica francesa coa súa curmá Marion. Marion atópase alí con Pierre, un antigo amigo, que se sente atraído por ela. Porén, Marion prefire ao aventureiro Henri, aínda que sabe que a súa relación con el será efémera. Namentres, tamén Pauline ten un romance...

14 e 16 xullo | O raio verde (1986, 94')
Delphine é unha secretaria parisina sen plans para as súas vacacións despois de que a súa amiga as cancelara no último minuto. Soa e triste, ela está decidida a viaxar. No camiño coñece a unha rapaza sueca que intenta animala pero que só consegue acentuar a súa sensación de soidade, ata que o seu destino dá un xiro inesperado.

18-19 de xullo | Conto de primavera (1990, 112')
Unha profesora de filosofía é invitada a pasar unha fin de semana no campo por unha amiga, quen tamén leva ao seu pai, que á súa vez vai acompañado da súa amante, á que a súa filla non soporta. Por determinadas circunstancias, a moza e o pai da súa amiga fican sós.

21 e 23 de xullo | Conto de inverno (1992, 114')
Durante unhas vacacións estivais, Felice e Charles teñen un apaixonado romance, pero debido a unha confusión de enderezos perden o contacto. Cinco anos despois, en Nadal, Felice vive en París coa súa nai e coa súa filla nacida nove meses despois daquel verán.

25-26 de xullo | Conto de verán (1996, 113')
Gaspard viaxou á praia para reunirse coa súa moza Lena. Mentres agarda por ela crúzanse no seu camiño dúas atractivas mulleres, Margot e Solene. Cando se encontra con Lena, deberá elixir con quen quere estar.

28 e 30 de xullo | Conto de outono (1998, 111')
Isabelle e Magali son dúas amigas que viven nun val da Provenza. Isabelle está empeñada en casar a Magali, que está viúva e ficou soa tras a marcha dos seus fillos, razón pola cal recorre aos anuncios por palabras.