Arranca o Foco Leopold Lindtberg, un cinema humanista como contrapunto ao horror da guerra
Co inicio do curso volven os Focos dedicados a grandes cineastas da Historia do Cinema. Do 3 ao 17 de setembro recuperamos 4 obras esenciais de Leopold Lindtberg, cineasta austríaco afincado en Suíza que nos anos 40 e 50 realizou emocionantes dramas humanistas no contexto da II Guerra Mundial. O programa do ciclo, que inclúe presentacións e coloquios, está organizado en colaboración con Lost&Found Films. Entradas xa á venda para todos os pases do ciclo!
Este mes de setembro a pantalla de NUMAX viaxa aos tempos da II Guerra Mundial para descubrir a ollada cinematográfica de Leopold Lindtberg, realizador austríaco afincado en Zúric, que cos seus filmes amosou as consecuencias da guerra, sempre cunha mirada intelixente, honesta e humanista, e a pesar das presións políticas que recibiu polo seu traballo.
As catro longametraxes rodadas por Lindtberg entre 1944 e 1953 poderán verse do 3 ao 17 de setembro en versións restauradas por Cinémathèque suisse, con presentacións en cada un dos pases e unha visita moi especial, o venres 13 de setembro, na que recibiremos a Frédéric Maire, director da Cinémathèque suisse, para o pase d'A aldea. As entradas xa se encontran á venda para todos os pases do ciclo na nosa web ou na billeteira da sala.
Desde a neutral Suíza, un espellismo de paz nunha Europa azoutada pola violencia, Lindtberg escolleu tomar partido a través do seu cinema, centrándose moi especialmente na situación das familias refuxiadas, xente que coma el mesmo tivera que abandonar os seus fogares fuxindo da barbarie do nazismo. As catro longametraxes que realizou neste periodo foron premiadas en Cannes, nos Oscar -o seu filme Marie-Louise foi o primeiro non estadounidense en conseguir o galardón de mellor guión orixinal-, na Berlinale e nos Globos de Ouro, pero Lindtberg atopou oposición dentro e fóra de Suíza, ao botar luz sobre historias que algúns preferían esquecer tras a guerra. Desde 1953 Lindtberg escolle deixar de facer cinema e centrarse no teatro e a televisión.
Con este ciclo, redescubrimos un director atípico e de profundo calado humanista, comprometido co seu tempo e seguramente inxustamente esquecido. Velaquí o programa completo do ciclo:
Martes 3 de setembro | 19:30h
Marie-Louise (Marie-Louise, 104', 1944)
Marie-Louise, unha nena francesa desprazada na Segunda Guerra Mundial, é enviada a unha familia de acollida en Suíza durante uns meses. Cando a estancia chega á súa fin, xa integrada, deberá aceptar que debe de novo partir. Oscar a Mellor Guión Orixinal. Presentación de Ramón Rey (Lost&Found)
Martes 10 de setembro | 19:10h
A última oportunidade (Die Letzte Chance, 107', 1945)
Un grupo de refuxiados xudeus tenta alcanzar a fronteira suíza para fuxir do réxime nazi. Uns soldados británicos, perdidos entre liñas inimigas, axudaranos a acadar a súa meta. Gran Premio en Cannes e Globo de Ouro a Mellor Filme Internacional. Presentación de Víctor Paz (Lost&Found)
Venres 13 de setembro | 19:00h
A aldea (Sie fanden eine Heimat, 98', 1953).
Mediados dos corenta. Unha escola dos Alpes suízos acolle ao redor de 200 nenos orfos de toda Europa. Mentres os profesores conteñen as hostilidades cara os estudantes alemáns, dous dos docentes namoran. Presentada en Cannes Classics 2023. Presentación e coloquio con Frédéric Maire, director de Cinémathèque suisse
Martes 17 de setembro | 19:40h
Catro en jeep (Die Vier im Jeep, 102' 1951)
Unha patrulla internacional composta por efectivos americanos, rusos, franceses e británicos vixía as rúas da liberada Viena, dividida en catro sectores. Cando un prisioneiro de guerra detido polos rusos logra escapar, a tensión aumenta. Oso de Ouro na Berlinale.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
As margaridas
VOSE
-
-
No Other Land
VOSE
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
Bird
VOSG