Cinema

O Foco Víctor Erice recupera «El espíritu de la colmena» e «El sur» en copias restauradas

A cinefilia mundial está de celebración no regreso de Víctor Erice á longametraxe coa estrea de Cerrar los ojos o 29 de setembro. Para ir abrindo boca arranca o Foco Víctor Erice, un ciclo que recupera en copias restauradas as dúas obras mestras que deron a coñecer o talento do cineasta vasco. Xa podes reservar praza para os 3 pases especiais que imos celebrar de El espíritu de la colmena.

Xa falta pouco para que poidamos gozar en pantalla grande de Cerrar los ojos, coa que Víctor Erice vén de enfeitizar a crítica e público en festivais como Cannes, Nova York ou Toronto, e que recibirá o Premio Donostia no Festival de San Sebastián o propio 29 de setembro. Para celebrar a volta do cineasta vasco á longametraxe tres décadas despois, en NUMAX acollemos o Foco Víctor Erice, un evento único que nos permitirá recuperar en estupendas copias restauradas as dúas obras que anunciaban a chegada dun talento único. O ciclo faise coa colaboración da distribuidora Avalon.

Comezamos con El espíritu de la colmena, un dos retratos máis emocionantes xamais feitos sobre o asombro e a aprendizaxe na infancia que conta coas inesquecibles interpretacións das pequenas Ana Torrent e Isabel Tellería na compaña de Fernando Fernán Gómez e Teresa Gimpera. Cun guión do propio Erice a catro mans con Ángel Fernández-Santos, o filme está ambientado nos anos de chumbo da postguerra española e inclúe algunhas das imaxes máis icónicas do noso cinema. O filme terá tres pases especiais os días 1, 5 e 9 de setembro.

A segunda cita co Foco Erice será coa non menos fermosa El sur, proxecto que o propio cineasta vasco considera inacabado e que está ambientado nunha vila do norte de España onde vive a pequena Estrella co seu pai, o médico Agustín, e súa nai, mestra represaliada. Unha obra «dunha fermosura inefable» (Ángel Fernández Santos) que terá pases os días 12, 16 e 19 de setembro.

A gran cita será o 29 de setembro coa estrea de Cerrar los ojos, «nova obra mestra para o cinema español. Un filme sen igual no cinema contemporáneo» (Manu Yáñez), protagonizado por Manolo Solo, Ana Torrent e José Coronado.