NUMAX

Créase o Fondo Numax do Arquivo Euseino?

NUMAX vén de asinar un acordo de colaboración coa Fundación Euseino? para a creación dun arquivo nesta entidade. O fondo documental que se aportará, documentación fotográfica e videográfica das actividades culturais desenvolvidas en NUMAX, será depositado no Arquivo Euseino?, baixo o compromiso de conservación e custodia. No acto de sinatura, estivo presente Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, Mariña de Toro Cuns, en representación de Numax, e Beatriz Fraga, vicepresidenta e cofundadora de Euseino?.

Fondo NUMAX
O Fondo Numax vai constar das copias íntegras en soporte dixital dos actos videográficos e fotográficos obxecto do Acordo. Tanto os realizados antes da data de sinatura coma aos que se vaian realizar con posterioridade a el. Con ese motivo, a Cooperativa Numax ha informar expresamente as persoas que interveñan nos actos gravados e fotografados para contar co seu consentimento.

A cesión desta documentación ten gran valor documental para o estudo da difusión da cultura e, especialmente, da literatura galega, das intervencións públicas das autoras e autores e para o debate sobre a función dos libros na sociedade actual. Tamén ha posibilitar a ambas as partes a realización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias.

O Fondo obxecto da cesión vai pasar a formar parte dun repositorio dixital que facilite a súa consulta a través de euseino.org coa finalidade de apoiar a investigación e difusión deste tipo de material, de gran valor porque recolle imaxe fílmica e voces das autoras e autores galegos. Tanto pola súa actualidade e renovación constante coma polas características da librería de Numax, especialmente dedicada a literatura, arte e pensamento, os vídeos e fotografías que integran o este fondo documental representan momentos senlleiros da difusión social e do debate no ámbito cultural galego. O Fondo NUMAX súmase aos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai e o Fondo Berta Dávila, ao que se lles vai engadir proximamente o Fondo Rebeca Baceiredo.