Cinema

Encontro con Andrés Goteira: «Despois de Dhogs, reflexións para un segundo filme»

Andrés Goteira vén de facer historia ao recibir 13 galardóns nos Premios Mestre Mateo 2018 coa súa opera prima, Dhogs. O cineasta de Meira será o segundo convidado da tempada do ciclo A cor das palabras. Encontros con cineastas que organiza o Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX, cunha intervención que leva por título: «Despois de Dhogs, reflexións para un segundo filme». A cita, o sábado 19 de maio ás 11:30.

A pesar de ser esta a súa primeira longametraxe, Goteira dá mostras en Dhogs dun abraiante manexo da linguaxe do cinema, confeccionando un thriller turbulento que remite á obra dos Irmáns Coen e David Lynch. Acompañado dun elenco excepcional, encabezado por Melania Cruz, Carlos Blanco, Antonio Durán 'Morris' e Miguel de Lira, Dhogs engarza seis historias dominadas pola intriga, a obsesión e a sensualidade.

A cita do encontro é o sábado 19 de maio ás 11:30, con entrada gratuíta até completar aforo. Para solicitar a túa praza só tes que escribir a [email protected] indicando nome completo e número de contacto.

Sinopse
Mentres un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dua último grolo, inconsciente do alude de acontecementos que a agardan nas seguintes horas. Unha fugaz aventura cun executivo será o preámbulo cara a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control.

Consulta a folla de sala do encontro premendo aquí.