Libraría

O Grupo de Estudos Audiovisuais presenta o libro «A foresta e as árbores»

O xoves 16 de maio ás 20:00 a Libraría NUMAX acolle a presentación de A foresta e as árbores, publicado por Galaxia e o Grupo de Estudos Audiovisuais. O acto contará coa presenza da coordinadora do libro e catedrática en Comunicación Audiovisual, Margarita Ledo Andión e tamén das autoras e autores do volume: Marta Pérez Pereiro, María Soliña Barreiro, Antía López Gómez, Fernando Redondo Neira, José Luis Castro de Paz, Enrique Castelló Mayo, Xosé Nogueira Otero e Iván Villarmea Álvarez.

Este xoves 16 de maio ás 20:00 a Libraría NUMAX acolle a presentación do libro A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega (2), editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión. Trátase do segundo volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega, que constrúe, desde a ollada singular das oito investigadoras e investigadores que participan no libro, un itinerario temático co que adentrármonos no cinema galego máis recente. Na mostra de filmes analizados, reflexo tamén da diversidade na cinematografía galega das últimas décadas, avanzamos desde o dó por un mundo que esmorece ao velado —aquilo do que non se fala— na nosa historia; desde o desexo e as súas derivas á necesidade de filmar o íntimo e a nós mesmas.

«Sobordando tópicos, este é un libro no que as árbores deixan ver a foresta, a foresta prata, talvez de bidueiros. Este é un libro que nos pon nas mans un catálogo de filmes que revelan, para alén dos motivos, a posibilidade dunha cinematografía diversa: nas súas propostas estéticas, na proximidade ou no afastamento radical das regras que definen os chamados “xéneros”, na concreción dun modo de pensar o cinema que, paso a paso, se sente parte dunha tradición que relatamos e puntuamos no volume 1, en Marcas na paisaxe»*