Libraría

Helen Bertels presenta «Para ti, co corazón na man»

O venres 29 de xuño ás 20:00 a actriz, escritora e artista Helen Bertels presenta unha acción artística moi especial que precisa da vosa colaboración e se desenvolverá na Libraría NUMAX o sábado 30 de xuño e o domingo 1 de xullo.

Baixo o título Para ti, co corazón na man, Bertels manterá encontros duns 20 minutos coas persoas que queirades participar. Froito das conversas xurdirán as accións artísticas de Bertels, coa fin de enmarcar anacos de alma en forma de poema visual. Así nolo explica a artista:

«Senta comigo a falar un pouco. Quero coñecerte, saber de ti, dos teus soños, quizais dalgunha lembranza bonita. Tod@s temos dentro do noso corazón diamantes, rubís, xoias e outras pezas preciosas que fan o tesouro que somos nós mesm@s. Ou fálame de alguén especial, alguén que encandece o lume do amor dentro de ti, algunha persoa fermosa. Tod@s coñecemos persoas fermosas. A túa nai? A amiga do cole, o veciño, un tío, a túa parella, esa señora que sempre senta a escoitar cando tes algo que contar… Eu collerei este algo, este anaco de ti, isto que quedou da nosa conversa e o enmarcarei para que o poidas levar para casa e/ou agasallar a esa persoa a quen queres, admiras ou botas tanto en falta.»

A que soa ben? Pois achégate pola Libraría NUMAX o venres ás 20:00 para saber máis do proxecto e o sábado e o domingo, de 18:00 a peche, para participar da iniciativa e facerte (ou facer a alguén) un agasallo moi especial.