Cinema

NUMAX proxecta cinco filmes de estrea do Festival Internacional de Cinema de Rotterdam con presentación en streaming

Entre o venres 27 e o domingo 29 de xaneiro, o Cinema NUMAX participa por segundo ano no IFFR Live, dentro do Festival Internacional de Cinema de Rotterdam-IFFR.

A sala do Cinema NUMAX acollerá a proxección de cinco filmes de estrea, simultaneamente con máis de 45 salas de toda Europa.

As proxeccións estarán acompañadas dunha presentación desde o propio festival, en Róterdam, da man dos directores e directoras dos filmes, xunto a parte do elenco. O público de NUMAX poderá seguir a presentación en streaming desde a pantalla da sala compostelá. Despois do visionado haberá unha rolda de preguntas e respostas cos autores dos filmes a través das redes sociais (hastag #livecinema).

As entradas están xa á venda na nosa web coas tarifas habituais.

PROGRAMA (Máis info AQUÍ):


VENRES 27

19:00 MISTER UNIVERSO (90')
Tizza Covi, Rainer Frimmel. Austria, Italia
Tairo, un mozo domador de leóns, está descontento coa súa vida actual. Posto que perdeu o seu talismán, emprende unha viaxe por Italia na busca do home que llo regalara no pasado. Un filme arredor das forzas racionais e irracionais. Un traballo cálido e humano sobre a vida nas marxes.

Tizza Covi (1971, Italia) viviu en París e Berlín antes de estudar fotografía en Viena, onde coñeceu ao tamén estudante Rainer Frimmel (1971, Austria). Desde 1996 teñen traballado xuntos en proxectos fotográficos, de teatro e de cinema, sempre desde unha aproximación documental, incluso na ficción.

22:30 PREVENGE (88')

Alice Lowe. Reino Unido
Así como algunhas preñadas devecen por comer chocolate, Ruth necesita os truculentos asasinatos ao que o seu feto lle ordena cometer. A actriz e guionista Alice Lowe (Sightseers, 2012) debuta na dirección e protagoniza este filme feminista de terror cómico que acaba coa idea romántica da preñez.

Alice Lowe (1977, Reino Unido) é unha actriz, guionista e directora inglesa. Comezou a súa carreira no teatro experimental. De 2001 en adiante vén aparecendo na televisión inglesa, en series como Little Britain, Skins ou Sherlock. A curtametraxe Solitudo (2014) foi o seu debut como directora.

SÁBADO 28

16:00 THE MAN (94')
Charlotte Sieling. Dinamarca
Simon é o rei da escena artística danesa, ten éxito e é rico, ten unha fermosa muller e unha amante nova. Un día o seu fillo Casper, a quen nunca coñeceu, aparece na porta. A chegada de Casper, un artista de rúa de fama mundial, supón para Simón unha provocación, comezando una batalla implacábel entre pai e fillo.

Charlotte SIELING (1960, Dinamarca) é actriz e directora. Estudou teatro na Escola Nacional de Teatro de Dinamarca, onde se graduou en 1985. Ten dirixido moitas series de televisión de éxito como Unit One (2000) e The Killing (2007). Debutou no cinema con Above the Street, Below the Water en 2009. The Man (2017) é a súa segunda longametraxe.

20:00 HOME (103')
Fien Troch. Bélxica
Onde e con quen sentes que estás en casa? Este é o tema central que un grupo de adolescentes e as súas familias enfrontan no último drama de Fien Troch. En quen podes confiar verdadeiramente cando non tes a onde ir? Esta tensión pálpase en todo momento no filme, en parte grazas á atinada banda sonora de Johnny Jewel.

Fien Troch (1978, Bélxica) graduouse en Cinema na Academia Sint Lukas, en Gant no 2000, a onde regresaría anos despois como profesora. Formou parte do elenco da longametraxe francesa Saint-Cyr (2000), de Patricia Mazuy. Realizou moitas curtametraxes e tamén anuncios publicitarios. O seu filme de debut Someone Else's Happiness (2005) gañou o premio Golden Alexander ao mellor filme, guión e actriz (Ina Geerts) en Tesalónica. Os seus filmes Kid (2012) e Home (2016) recibiron tamén múltiples galardóns en festivais.

DOMINGO 29

20:00 THE GIANT (90')
Johannes Nyholm, Dinamarca
Rikard é un home autista con deformidades graves que busca a maneira de reencontrarse coa súa nai, da que foi separado hai tempo, por medio do xogo da petanca e coa axuda dun xigante de 60 metros. O seu fráxil físico e unha contorna hostil e dada ao xuízo fácil contribúen a facer a súa vida máis dura. Convencido de que a súa nai volverá con el se gaña o campionato de petanca do Norte de Europa, Rikard fará o imposíbel por conseguilo.

Johannes Nyholm (1974, Suecia) estudou cinema, arte, novos medios e animación. Foi fundador da produtora Joclo. As súas curtametraxes e videoclips pasaron pola televisión, festivais de cinema e galerías. Traballa e vive en Gothenburg.