Ildefonso Rodríguez presenta «Pliegue a pliegue. El libro de Tomás» na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Pliegue a pliegue. El libro de Tomás (libros de la resistencia) de Ildefonso Rodríguez o vindeiro venres 31 de xaneiro ás 19h00. O autor estará acompañado do escritor Xosé M. Álvarez Cáccamo. A entrada é libre ata completar aforo.
Este libro non é unha biografía ou descrición de Tomás Salvador González, tampouco unha lectura da súa obra. É o que mostra con só abrilo: un álbum de documentos persoais e soños dispostos en forma de colaxe, mesturados á vez con palabras súas. Algo semellante ao que escribe Federico García Lorca na súa Oda a Dalí: «a nosa amizade pintada como un xogo de oca». Palabras en común.
A condición orixinaria do relato era montalo con materiais xa feitos: desde soños a papeliños, descubertas, voces diversas (a de Tomás, decisiva, claro). Escribir eu nel o menos posible desde o momento actual, que é o da perda («Eu que non estorba escasea», escribiu Eduardo Milán).
Ao redor desta colaxe, todos (tamén o autor) somos visitantes, vindos dun exterior.
Un álbum; un álbum con adherencias, fragmentos, cousas traídas de preto e de lonxe, de aquí e de alá. Un cruzamento de escritos, de xéneros, de magnitudes e tempos. O que se reúne por afinidade (e tamén por ser contrario e ser semellante) ao longo dos anos, nos labirintos da memoria. E todo quixese atopar o seu sitio, prego e despregamento, unha nova harmonía.
O tempo neste libro non é cronolóxico, as súas cousas van e veñen, datadas ou non, cara a adiante, cara atrás. Coa excepción dos escritos de Tomás, o resto é anacronía, ucronía.
(Talvez máis dun lector se despiste, lle baile algún dato e se incomode. Forma parte do xogo no que autor e lector estamos metidos).
Toda amizade é unha afección. Todo no noso relacionarnos foi afecto, por esa relación eu fun afectado para sempre. Este libro é un intento de contar á miña maneira algúns modos dese afecto.
Ildefonso Rodríguez (León, 1952) foi membro fundador das revistas Cuadernos leoneses de poesía e El signo del gorrión. A súa obra poética foi reunida no volume Escondido y visible. Escribiu tamén narrativa (Son del sueño, Disolución del nocturno, Informes y teorías) e ensaio (El jazz en la boca). A súas tres últimas publicacións son o libro–disco Inestables, intermedios; Ciclo Tierra de Campos (Inacabado. Aventuras de tres amigos en los tiempos del nacionalcatolicismo); Mandolina y jaula ante un espejo, en colaboración co poeta Francisco Deco. É saxofonista, dedicado ao jazz e á improvisación libre. Actualmente escribe no xornal dixital Tam-tam Press a sección "Despierto y por la calle".
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
-
-
Cónclave
VOSE