Libraría

Intemperiadas #02 con Io Morales: «malus sylvestris»

En vésperas da homenaxe a Xela Arias no Día das Letras Galegas, chega a segunda cita co ciclo «Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias», agora coa creadora téxtil Io Morales. A actividade, previa reserva, é o sábado 15 de maio ás 13:30h nunha actividade comisariada por Charo Lopes e apoiada pola Deputación da Coruña.

Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada este ano coa celebración do Dia das Letras Galegas en outra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría.

Para isto contaremos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de Numax, para desenvolver cinco disciplinas diferentes: a fotografía, a música, a ilustración, o téxtil e a cerámica.

A segunda correspondencia do ciclo Intemperiadas terá lugar na mañá do sábado 15 de maio coa pontevedresa Io Morales, cuxa intervención na Libraría dará inicio ás 12:00 horas con acceso libre dentro das limitacións de aforo do local. Ás 13:30h, a creadora téxtil conversará coa comisaria da actividade, Charo Lopes, nun acto que precisa reserva previa no correo [email protected]. A conversa será retransmitida en directo a través das nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop)

A autora
Io Morales (Pontevedra, 1986) é Técnica Superior de Artes Aplicadas á Escultura na Escola Mestre Mateo de Compostela (2008) especializada na creación téxtil. Fórmase de xeito autodidacta para o dominio dos diferentes materiais e técnicas. Entre 2012 e 2016 desenvolve o proxecto Actante Dourada, marca baixo a que realiza figuras de pequeno formato na técnica xaponesa de amigurimi, cunha temática pop. En 2015-2017 participa na cooperativa cultural 7h coop, e no 2018 dá o salto, co selo de calidade Artesanía de Galicia, á súa propia marca: Ío obradoiro téxtil. Traballa encargándose de todas as fases do proceso -do deseño á elaboración e venda- coas técnicas de tricó, croché e bordado a man. Resignificando a tradición téxtil feminina e a etnoloxía galega, está interesada nos procesos manuais e no valor das pezas únicas. Coloca como prioridade a calidade dos materiais e a mudanza do paradigma industrial, o que supón repensar e reconfigurar o modelo cara a ritmos lentos, propostas de longa duración e produción local.

As pezas de Io están inspiradas na gama cromática e volumes da natureza, con exemplos como a colección espiga ou o xersei dorna. Teñen protagonismo tamén os alimentos, destacando os borches chícharos ou o bolso de chocolate. De entre as súas influencias como deseñadora, destaca o peso na súa creación de artistas da tradición galega, sendo explícita en proxectos como a colección Maruja Mallo ou o xersei portomarínico, baseado na mítica colección de Sargadelos.

malus sylvestris
A proposta de Io Morales inspírase na infancia rural de Xela Arias para tecer unha prenda a partir do agromar libre nunha contorna natural. O símbolo central é a maceira salvaxe (malus sylvestris). Eis a Xela instintiva que nos conecta coa vocación primixenia. A árbore froiteira que se fía coa simboloxía cristiá do pecado, nunha proposta de volumes serpenteantes, e remata por se converter en protección e abrigo ao longo do proceso. Acontece así a metáfora do empoderamento feminista a partir da desobediencia e o coñecemento. Este proxecto téxtil pon en valor as técnicas do tricó e o bordado para recuperalas sen complexos, como prenda para abrazar o peito adulto, a Xela nai, amante e divociada, con armadura mol de texturas combinadas entre o opaco e o traslúcido na cor da terra.

#intemperiadas
En paralelo aos encontros do ciclo, e coa intención de democratizar a creación e abrir liñas de participación social, de forma segura, abrimos unha proposta en paralelo: mediante o uso do hashtag #intemperiadas convidamos a que todas as persoas que o desexen publiquen nas redes sociais a súa creación persoal de homenaxe a Xela Arias. Deste xeito, calquera usuaria de Instagram, Twitter ou Facebook pode publicar de forma aberta a súa creación, contribuíndo a divulgar a pegada da obra da autora homenaxeada este ano coa celebración das Letras Galegas. Fotografías, ilustracións, collages, textos… A participación e o formato é libre. No fin do ciclo realizarase unha selección de entre todas os contidos compartidos, con que se fará unha exposición de peche da actividade. A exposición será física, coas impresións en pequeno formato no espazo da libraría, no modo de literatura de cordel, e permanecerá unha semana exposta.

Descarga aquí o pasquín da actividade