Libraría

Intemperiadas #01 con Laura Tova: «Weltschmertz»

Arranca o ciclo «Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» coa visita da ilustradora Laura Tova, cuxa correspondencia coa obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas leva por título «Weltschmertz». A cita, previa reserva, é o sábado 10 de abril ás 13:30h nunha actividade comisariada por Charo Lopes e apoiada pola Deputación da Coruña.

Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada este ano coa celebración do Dia das Letras Galegas en outra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría.

Para isto contaremos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de Numax, para desenvolver cinco disciplinas diferentes: a fotografía, a música, a ilustración, o téxtil e a cerámica.

A primeira correspondencia terá lugar na mañá do sábado 10 de abril coa carballesa Laura Tova, cuxa intervención na Libraría dará inicio ás 12:00 horas con acceso libre dentro das limitacións de aforo do local. Ás 13:30h, a ilustradora conversará coa comisaria da actividade, Charo Lopes, nun acto que precisa reserva previa no correo [email protected]. A conversa será retransmitido en directo a través da nosa páxina de Facebook (@numaxcoop)

A autora
Laura Tova (Carballo, 1989) é ilustradora freelance, traballa en ilustración publicitaria e editorial. Ilustrou o libro Música no Faiado (2018) escrito por Miguel Ángel Alonso Diz e editado por Xerais. Agora está a piques de saír do prelo o seu segundo libro ilustrado, con OQO Edidora. As súas creacións xogan co cotián e a natureza. Na súa obra mistura diferentes técnicas -incluído o muralismo- desenvolvendo un trazo naïf e un mundo onírico con protagonismo feminino.

Weltschmertz
A súa proposta para Intemperiadas quere recoller a intensidade da obra poética de Xela, en que fortaleza e sensibilidade son complementarias. Será un retrato desenvolvido en directo, recibindo a influencia do clima da libraría durante o proceso. Traballará con técnica mixta -guache, acrílicos, lápices de cores- e collage. Irá vendo a luz, deste xeito, un retrato subxectivo de Xela, con elementos da súa poética, onde o corpo e outros elementos simbólicos conviven en igualdade de protagonismo.

#intemperiadas
En paralelo aos encontros do ciclo, e coa intención de democratizar a creación e abrir liñas de participación social, de forma segura, abrimos unha proposta en paralelo: mediante o uso do hashtag #intemperiadas convidamos a que todas as persoas que o desexen publiquen nas redes sociais a súa creación persoal de homenaxe a Xela Arias. Deste xeito, calquera usuaria de Instagram, Twitter ou Facebook pode publicar de forma aberta a súa creación, contribuíndo a divulgar a pegada da obra da autora homenaxeada este ano coa celebración das Letras Galegas. Fotografías, ilustracións, collages, textos… A participación e o formato é libre. No fin do ciclo realizarase unha selección de entre todas os contidos compartidos, con que se fará unha exposición de peche da actividade. A exposición será física, coas impresións en pequeno formato no espazo da libraría, no modo de literatura de cordel, e permanecerá unha semana exposta.