Libraría

Ismael Ramos presenta o libro «A parte fácil» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o xoves 9 de marzo ás 20h30 a presentación de «A parte fácil», o debut na narrativa de Ismael Ramos editado por Xerais. No acto, o autor estará acompañado pola escritora Berta Dávila e pola responsable de comunicación de Xerais, Sara Vila. A entrada é libre ata completar aforo. 

Unha parella de misioneiros cristiáns visitando a casa dun adolescente, unha nai enferma que desexa ser libre, dous irmáns e unha viaxe en coche, noites de insomnio, unha festa nunha piscina, un autostopista, traballos temporais, accidentes, cicatrices. As personaxes deste libro están medrando. Ou quizais ninguén lles dixo aínda que fai tempo que deixaron de medrar. Da adolescencia á trintena, as voces que tecen A parte fácil —o debut na narrativa de Ismael Ramos— aprenden a convivir con sentimentos de culpa que non lles pertencen, cunha vergonza herdada, secretos familiares antigos e recentes. A dificultade para se comunicaren co mundo déixaos illados na inquietante xordeira de quen afunde a cabeza relaxadamente nunha bañeira chea de auga e sopesa a idea de non sacala nunca máis. Cun estilo marcado pola precisión e a sinxeleza, Ramos confía na correcta disposición dos elemento mínimos —ao xeito de Amy Hempel ou Lorrie Moore— para crear un retrato coral fresco e punzante sobre a xuventude. No acto, que terá lugar o xoves 9 de marzo ás 20h30 na libraría NUMAX, o autor estará acompañado pola escritora Berta Dávila e pola responsable de comunicación de Xerais, Sara Vila.

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é autor dos poemarios Lixeiro (Premio Nacional de Poesía Joven “Miguel Hernández”; Xerais, 2021), Lumes (Premio “Javier Morote” de Las Librerías Recomiendan; Apiario, 2017) e Os fillos da fame (Premio Xohán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016). Algúns dos seus libros foron traducidos ao catalán (Focs, de próxima aparición), castelán (Fuegos e Ligero en La Bella Varsovia) e portugués (Fogos en do lado esquerdo editora), e poemas seus viron a luz en revistas e antoloxías en linguas como o finés, o francés, o húngaro, o inglés ou o italiano. Como articulista recibiu o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey (2022) e colabora habitualmente en elDiario.es.