Libraría

Ismael Ramos presenta «Lixeiro» en NUMAX

O poeta Ismael Ramos visita este mércores 9 de xuño ás 19:30 a Libraría NUMAX para a presentación do seu novo libro «Lixeiro». O autor estará acompañado do poeta e xornalista Daniel Salgado. 

“Preguntades constantemente que faremos despois. Pero nós non sabemos contestar con palabras. Non sabemos”. «Lixeiro», o terceiro libro de Ismael Ramos, é unha reflexión sobre os desencantos da súa xeración, un retrato colectivo do momento e un libro que recolle e vai na procura dunha transcendencia que non chega, tal e como se lle indica ás persoas lectoras na contracapa do poemario. A incursión do propio autor no mundo laboral, o tránsito á vida adulta, a precariedade, as amizades nese mesmo entorno de precariedade ou as expectativas truncadas son algúns dos sentimentos e vivencias que inspiran este poemario.

Na presentación do libro, que terá lugar o mércores 9 de xuño ás 19:30 horas, intervirán o autor e o poeta e xornalista, Daniel Salgado. A presentación ten prazas limitadas e aconséllase reserva previa no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das páxinas de NUMAX en Facebook e Instagram (@numaxcoop).

Ismael Ramos (A Picota, Mazaricos, 1994). Os seus poemas publicaronse en revistas e webs nacionais e internacionais coma Dorna, Grial, Oculta Lit, Clarín ou PlayGround. Publicou os poemarios Os fillos da fame (Premio Johán Carballeira, Xerais, 2016) e Lumes (Apiario, 2017). Participou en antoloxías como No seu despregar (Apiario, 2016), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora / papeles mínimos, 2017) e Piel fina. Poesía joven española (Maremagnum, 2019). Tamén traduciu ao español Los inocentes de María do Cebreiro (Vaso Roto, 2019) e seu segundo poemario, publicado co título de Fuegos por La Bella Varsovia na súa edición en castelán, que recibiu o Premio Javier Morote outorgado polas librarías independentes do estado (CEGAL) ao mellor libro publicado por un autor novo en 2019.