O artista Jorge Varela inaugura con «Notas á marxe» o Episodio #02 de Creación Contemporánea
O martes 23 de xullo ás 20:00 a Libraría NUMAX acolle a presentación do Episodio #02 de Creación Contemporánea, que baixo o lema Notas á marxe presentará o artista Jorge Varela, xunto ao comisario do ciclo, Ángel Calvo Ulloa. A íntima relación entre escultura e relato de ficción establecida nos últimos proxectos artísticos de Jorge Varela é o fío que guía estas Notas á marxe.
Jorge Varela ordena e establece en Notas á marxe un fío condutor entre os seus últimos proxectos, e que ten que ver coa íntima relación do artista co relato literario e a escultura. Así explica o comisario do ciclo, Ángel Calvo, na folla de sala deste Episodio #02: “A relación que Jorge Varela establece entre o relato literario e a escultura acadou nos dous últimos anos o seu punto de conexión máis agudo. Así o devolve á persoa lectora/espectadora: como unha relación co obxecto e co relato que xa non se entende disociada.”
O punto de partida é unha viaxe en tren realizada no 2003 dende Portbou ata Le Mesnil-Saint-Denis durante a que foi conformando un itinerario espazo-temporal pola filosofía europea que máis tiña influído na súa investigación. A este itinerario súmanse outros como o do libro 5.354 Km, que dá conta da excursión realizada no verán de 2017 á Documenta de Kassel, ao Skulptur Projekte de Münster e á Bienal de Venecia nun Mercedes W123 do 78; ou o de 59 citas para unha escultura ausente, percorrido teórico ao longo da historia da escultura que o propio autor presentou na Libraría NUMAX hai un par de anos, amosando no noso espazo algunhas das lousas orixinais que fixera para este traballo.
Xa en outubro de 2018 Varela inauguraba na Fundación Granell a mostra Retratos dun escultor e outras esculturas de viaxe, onde reunía unha serie de relatos literarios e visuais en relación á conexión da viaxe coa escultura. Finalmente en As notas xeométricas, proxecto presentado na última Bienal de Lalín, unha visita ao Museo de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago para ver a colección de modelos cristalográficos tallados en madeira que o abade Haüy lle regalara ao matemático Rodríguez en 1814 era o detonante da continuación dos 5 fragmentos dunha historia máis longa, unha serie de poliedros irregulares que naceron do descubrimento casual, nun baixo de París, de cinco debuxados a lapis que, no fin do relato, supoñen outra mostra de conmemoración fúnebre.
“O proceso de Jorge Varela implica unha investigación que se atopa a medio camiño entre a historiografía e a novela detectivesca. Cada escrito mestura sen prexuízos ambas formas de encarar o relato para desembocar nun exercicio escultórico de corte clásico”, describe Ángel Calvo para achegarnos máis ao que veremos o vindeiro 23 de xullo.
Descarga AQUÍ a folla de sala.
Jorge Varela (Allariz, Ourense, 1971), é artista visual, Licenciado en Historia pola Universidade de Vigo e Especialista universitario en Arte e críticas contemporáneas pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese de licenciatura titulouse “Arte, utopía y duelo. Cuatro aproximaciones, 1989-2007”. Realizou estudos de doutoramento nos programas “Sociedade, Poder e Cultura na Historia” na Facultade de Historia da Universidade de Vigo e “Modos de coñecemento nas prácticas artísticas contemporáneas” na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Durante os anos 2009 e 2010 traballou como investigador invitado na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Bos Aires. A súa obra foi exposta no MACUF, A Coruña (Museo de arte contemporánea Unión Fenosa), Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela; Casa de Vacas, Madrid; Museo Kloster Asbach, Asbach (Alemaña); Centro Rei Juan Carlos I da Universidade de Nova York (EEUU), entre outros museos e centros.
Escoita aquí o podcast deste episodio.
Os Episodios de Creación Contemporánea son un ciclo que nos achega de primeira man e en primeira persoa ao xeito en que se articula e toma forma no pensamento e no taller dos e das artistas unha peza ou un proceso artístico. Esta actividade conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.