Libraría

Presentación de «Caderno de campo das illas Cíes» na Libraría NUMAX

O mércores 3 de outubro ás 20:00 José Arcas presenta Caderno de campo das illas Cíes (Catro Ventos Editora) na Libraría NUMAX.

José Arcas é doutor en Bioloxía e artista autodidacta da natureza. Nas súas obras representa as suas vivenzas no campo. Os suxeitos preferidos nas súas obras son as aves, e en concreto as especies ligadas a medios marítimo-costeiros como gaivotas e limícolas. Traballa con diferentes técnicas, como óleo, acuarela, pastel, lápices de cores e linóleos.Tamén realiza esculturas de diferentes especies de fauna.

«No salvaxe radica a preservación do mundo» escribiu Thoreau a propósito do camiñar pola natureza, e precisamente isto é o que che propón este caderno: catro rutas polas illas Cíes guiadas polas acuarelas dun lagarto arnal, do corvo mariño cristado, de varias gaivotas patiamarelas… Caderno de campo das Illas Cíes é un caderno de campo, é dicir, unha compilación de ilustracións da natureza feitas en lapis e acuarela por José Arcas (biólogo e artista) para poñer en valor o patrimonio natural das illas Cíes. Neste caso, a fermosa experiencia visual enriquécese ademais coas paisaxes sonoras do arquivo de Carlos Suárez.