Libraría

Lara Dopazo presenta «O axolote e outros contos de bestas e auga» na Libraría NUMAX

[Foto: David Espinho]
Continúan as presentacións literarias na nosa Libraría. O vindeiro xoves 18 de marzo ás 19:30 contaremos coa presenza da escritora Lara Dopazo Ruibal que presentará o seu último libro: O axolote e outros contos de bestas e auga. A autora estará acompañada por Malores Villanueva, (Ed. Galaxia) nun acto que será retransmitido vía streaming nas redes sociais de NUMAX.

O axolote e outros contos de bestas e auga chega ás librarías tras gañar o Premio Illa Nova de Narrativa da Editorial Galaxia. O xurado do certame definiu a obra de Dopazo como «un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética (...) Os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico (...) En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración até chegar ao clímax final». 

A presentación do libro terá lugar o xoves 18 de marzo ás 19:30 horas, nun acto no que tamén participará a editora Malores Villanueva de Galaxia. A actividade ten prazas limitadas e cómpre reservar previa no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das páxinas de NUMAX en Facebook e Instagram (@numaxcoop).

Lara Dopazo formouse como xornalista na Universidade de Santiago e especializouse en Cooperación Internacional e en Filosofía Práctica. O seu primeiro libro, Dende illa peixe, obtivo o premio GzCrea no ano 2008. Con ovella obtivo o premio Francisco Añón en 2015, ano no que tamén recibiu o Nortear polo relato Clementina. En 2017 fíxose co Fiz Vergara Vilariño por Claus e o alacrán, publicado por Espiral Maior.