Libraría

Cristina Huete e Primitivo Carbajo presentan «Os Baltar» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Os Baltar. A senda do caciquismo na democracia plena (Morgante) de Cristina Huete e Primitivo Carbajo o próximo mércores 22 de xaneiro ás 20h. Na presentación estará o director da editorial, Moisés Barcia. A entrada é libre ata completar aforo.

José Luis Baltar e o seu fillo José Manuel gobernaron na Deputación Provincial de Ourense durante máis de tres décadas, o primeiro con maiorías absolutas imbatíbeis, que foron minguando co herdeiro. A súa forza política asentouse basicamente nunha tropa alistada por Eulogio Gómez Franqueira, o fundador de Coren, no tránsito do franquismo á democracia, e á fin integrada no PP sen perder un perfil propio, coa bandeira centrista e, na última etapa, a da ourensanía. Tampouco perderon as súas pautas caciquís, singularmente o enchufismo excluínte, nin as tinturas de corrupción. Os autores destapan esa senda ata completar un cadro insólito no marco da democracia plena.

Cristina Huete é xornalista. Naceu e criouse en Ourense. Tras licenciarse en Ciencias da Información na Universidad Complutense de Madrid, regresou á súa cidade, onde desenvolveu a maior parte da súa actividade profesional. Traballou nos diarios Faro de Vigo, La Voz de Galicia e El País, centrándose, fundamentalmente, na información política ourensá.

Primitivo Carbajo é xornalista de extenso percorrido en medios galegos e españois. Foi corresponsal de El País en Vigo e redactor de El País Galicia. Tamén foi director de Comunicación da Uvigo. É coautor, con Luis Pita, da biografía non autorizada Paco Vázquez, a pegada dun príncipe (Xerais, 1993) e en Edicións Morgante publicou as crónicas Salgheirón (2021), sobre un conflito urbanístico senlleiro en Cangas do Morrazo; Derrotas andinas (2021), sobre unha singular viaxe por Ecuador, Perú e Bolivia, e A marcha da paz secuestrada (2024), sobre unha expedición internacional pacifista en Centro América.