Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro «Impugnar las normas»

O historiador e programador José Manuel Sande e a doutora e cineasta Margarita Ledo presentarán Impugnar las normas. Intervenciones sobre cine, arte y política (Galaxia Gutenberg) de Pere Portabella na Libraría NUMAX o vindeiro xoves 30 de maio ás 20h00. A entrada é libre ata completar aforo.

O cinema de Pere Portabella é indisociable da arte e da política. Son disciplinas que se conxugan e retroalimentan desde unha actitude común: impugnar as normas, as sociais pero tamén as estéticas. Este é xustamente o título dun volume que reúne decenas de textos escritos polo autor durante sesenta anos, desde os seus inicios como produtor ata a actualidade. Inclúense artigos en diarios e revistas, presentacións das súas películas, prólogos de libros e catálogos de exposicións, conferencias, así como algunhas das súas intervencións como senador ou deputado durante as primeiras lexislaturas da democracia. Do mesmo xeito que o cineasta se preocupou por preservar a súa obra para garantir a súa difusión pública, agora chega a quenda dos seus escritos. Nesta edición prologada e anotada por Esteve Riambau, os textos articúlanse en tres grandes bloques: a oposición ao franquismo, os primeiros anos da democracia e o retorno ao cinema tras Pont de Varsòvia, sen esquecer unha especial atención cara ao papel da cultura en Europa. Sen xamais separar a arte e a política do cinema, xorden sinerxías e confrontacións que ofrecen un retrato moi fidedigno do pensamento de Portabella, á súa vez sustentado sobre interaccións con personaxes tan ilustres como Luís Buñuel, Josep Tarradellas, Joan Brossa, Antoni Tàpies, Joan Miró ou Carles Santos.

Pere Portabella (Figueres, 1927) irrompeu no cinema coa produción de tres películas imprescindibles do cinema español: Los golfos, de Carlos Saura; El cochecito, de Marco Ferreri, e Viridiana, de Luís Buñuel, que lle supuxo a inhabilitación administrativa como produtor. En 1967 debutou como director con No contéis con los dedos e supuxo o inicio de colaboracións e complicidades con artistas doutras disciplinas como Joan Brossa, Joan Miró ou Carles Santos. O seu cinema rompe co relato aristotélico e aposta por novas linguaxes. A traxectoria de Portabella desborda o ámbito cinematográfico, abarcando a arte e a política. Figura destacada da resistencia antifranquista, foi impulsor da Assemblea Permanent d’Intel·lectuals e da Assemblea de Catalunya. En 1977 foi elixido senador nas primeiras eleccións democráticas despois da morte do ditador e posteriormente deputado do Parlament de Catalunya. En 1989 volveu ao cinema para dirixir filmes como Pont de Varsòvia (1989), El silencio antes de Bach (2007) o Informe General II (2015).