Libraría

A escritora Luisa Castro presenta «Sangre de horchata» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o mércores 5 de abril ás 20h00 a presentación de «Sangre de horchata», de Luisa Castro editado por Alfaguara. No acto, a autora conversará coa escritora Marilar Aleixandre. A entrada é libre ata completar aforo.

Con ritmo de comedia e alento de drama, a escritora Luisa Castro tece unha novela sobre a ruptura dunha familia e sobre iso que nunca saberemos dos demais, o que sucede a porta pechada. Sangue de horchata conta a historia de Belén, unha moza de dezaseis anos que vive nunha casa de tolos. O seu pai, xa moi maior e en cadeira de rodas, insiste en empezar a organizar a enorme herdanza que lle corresponde. O seu irmán parece saber cousas que a ela lle oculta. Da súa nai nin falamos: algunha chamada telefónica con mala cobertura e nin unha visita desde que, cando os irmáns eran pequenos, sufriu un episodio que acabou en internamento. E Belén quere que todo sexa normal e seguir o consello que oe desde nena: "Sangue de horchata, cariño. Pase lo que pase, hay que tener sangre fría". 

Luisa Castro naceu en Foz no 1966. Licenciouse en Lingüística na Universidade Complutense de Madrid e realizou estudos de cine en Columbia e na New York University. É autora de media ducia de poemarios, entre os que se contan Los versos del eunuco (Premio Hiperión, 1986), Los hábitos del artillero (Premio Rey Juan Carlos, 1989) ou Amor antigo (Galaxia 2022). Tamén de novelas e relatos como El somier (1990, finalista do premio Herralde), Viajes con mi padre (2003), Podría hacerte daño (Premio Torrente Ballester, 2005) e La segunda mujer (Premio Biblioteca Breve, 2006). Escritora en dúas linguas, tanto en galego como en castelán, é colaboradora habitual na prensa de Galicia e Madrid. Nos últimos anos foi directora do Instituto Cervantes de Nápoles e Burdeos, actualmente dirixe o de Dublín. Foto: Lisbeth Salas