Libraría

Luisa Castro estará na Libraría NUMAX para falarnos de «Baleas e Baleas»

O xoves 23 de agosto ás 20:00 teremos canda nós á escritora Luisa Castro para presentar Baleas e Baleas, un clásico contemporáneo que vén reeditar a editorial Galaxia na colección Dombate. A autora estará acompañada polos poetas Antón Lopo e Ismael Ramos.
(FOTOGRAFÍA: Lisbeth Salas)

En 1988 chegaba ás librarías Baleas e Baleas, o primeiro e único poemario en galego asinado por Luisa Castro ata a data, e que reaparece agora trinta anos despois convertido nun libro de culto. Considerado como un dos títulos máis rompedores das últimas décadas do pasado século, o discurso provocador e profético de Baleas e Baleas non deixou indiferente nin a crítica nin a persoas lectoras. A editorial Galaxia vén de reeditar esta alfaia das máis importantes renovacións poéticas das últimas promocións.

Luisa Castro naceu en Foz no 1966. É autora de media ducia de poemarios, entre os que se contan Los versos del eunuco (Premio Hiperión, 1986) e Los hábitos del artillero (Premio Rey Juan Carlos, 1989), e de novelas e relatos como El somier (1990), Viajes con mi padre (2003), Podría hacerte daño (Premio Torrente Ballester, 2005) e La segunda mujer (Premio Biblioteca Breve, 2006). Escritora en dúas linguas, tanto en galego como en castelán, é colaboradora habitual na prensa de Galicia e Madrid. Nos últimos anos foi directora do Instituto Cervantes de Nápoles e actualmente dirixe o de Bordeos, onde reside.