Participa na campaña "Watch, Rate & Win" do Premio do Público LUX!

O Premio do Público LUX é un galardón que cada ano organizan o Parlamento Europeo e a Academia de Cine Europeo, en asociación co programa MEDIA de Europa Creativa e Europa Cinemas. Nestes premios, o público ten o voto para escoller o filme gañador entre os cinco finalistas.
O obxectivo do Premio LUX é apoiar o cinema europeo e fomentar a diversidade cultural, así como reforzar a relación entre a política e a cidadanía. Os filmes seleccionados conciencian sobre temas de actualidade social e política e son exemplo da pluralidade cultural do cinema europeo.
Como votar?
O público pode puntuar os filmes en https://rating.luxaward.eu. Non é preciso ver todos os filmes para votar, xa que se puntúa cada un por separado. A película gañadora será a que teña unha maior puntuación. Ao puntuar os filmes, entrarás nun sorteo de 10 viaxes a Bruxelas para asistir á Cerimonia de Entrega o 29 de abril no Parlamento Europeo!
Cales son as finalistas?
Animal (Sofia Exarchou, 2023) trasládanos a unha illa en Grecia onde os animadores dun complexo turístico preparan todo para a temporada alta. O filme visibiliza a precaria realidade dos traballadores do turismo e foi proxectado en NUMAX no pasado mes de febreiro.
Dahomey (Mati Diop, 2024) acompaña a devolución de Francia á República de Benín de 26 tesouros reais que foran saqueados polas tropas francesas ao reino de Dahomey en 1892. O filme, gañador do Oso de Ouro na Berlinale, foi estreada en NUMAX dentro do ciclo Os Ollos verdes.
Flow (Gints Zilbalodis, 2024). Un gato que ten medo á auga debe sobrevivir a unha inundación. Para isto, busca refuxio nun barco con animais doutras especies. Durante a aventura, terán que demostrar a súa valentía e superar as súas diferencias para adaptarse á nova situación. Unha das películas de animación do ano, que aínda se pode ver na nosa sala.
Intercepted (Oksana Karpovych, 2024) mestura as imaxes da destrución da guerra de Ucraína coas chamadas dos soldados rusos ás súas familias interceptadas polo goberno ucraíno.
Julie Keeps Quiet (Leonardo van Dijl, 2024) cóntanos a historia de Julie, unha talentosa xogadora dunha academia de tenis. Cando o seu adestrador é investigado e suspendido, todos os xogadores se animan a falar, pero ela cala, o que a converte nunha figura de misterio.