Manolo González presenta «O Benshi de Galicia» na Libraría NUMAX
Manolo González relata en O Benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto a insólita e descoñecida historia dun crego que foi tamén poeta, bibliófilo, bohemio, sedutor, visionario, sibarita e director de cine. A presentación terá lugar o martes 5 de marzo ás 20h00 da tarde coa presenza do autor acompañado de Alfonso Pato, xornalista e director do Festival de Cans, e Quique Alvarellos, editor de Alvarellos.
En 1922 Antonio Rey Soto (Ourense, 1879 - Madrid, 1966) emprendeu un proxecto moi singular: fundar en Vigo a produtora Celta Film e rodar a película Un viaje a través de Galicia y Asturias (hoxe, perdida). Con ela xirará por América en 1923. Posuído dunha extraordinaria oratoria, Rey Soto actuará, en cada proxección, narrando ao público –de emigrantes galegos, principalmente– os contidos do seu filme, exercendo o papel dun verdadeiro «benshi», esa figura capital do cinema mudo xaponés, que explicaba a trama a unha audiencia moitas veces analfabeta. O Benshi de Galicia, que está ilustrado con cen fotografías e documentos moi descoñecidos, descóbrenos a peripecia existencial dun home cuxa vida é realmente a trama dunha verdadeira película, na que por certo participa boa parte da intelectualidade galega de comezos do século XX.
Manolo González. O seu pai, proxeccionista no Cinema Avenida da Rúa, acendeu sen querelo a paixón polo cinematógrafo que o acompañará ao longo da súa vida, dende os cineclubes e as primeiras experiencias de vídeo nas aulas en Allariz arredor de 1982. Foi creador e director da Escola de Imaxe e Son de A Coruña (1990-1998), profesor de produción na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, responsable da área de cine e vídeo na dirección xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa (1984), organizando as primeiras axudas públicas ao cinema galego e a posta en marcha do Arquivo da Imaxe de Galicia. Creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (2005-2009), impulsou proxectos senlleiros daquela como as Axudas ao talento, Cinemas Dixitais, Flocos TV –Mestre Mateo 2009–, ou Memoria do século XX. Foi galardoado en varias ocasións nos premios do audiovisual galego. Na actualidade, segue a coordinar o encontro de cineastas Chanfainalab en San Sadurniño (2014-2023), XI premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual. En 2023 recibiu o Premio Losada Diéguez polo seu libro Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE