Libraría

Manuel Sendón presenta na Libraría NUMAX «Espantallos», o seu último álbum fotográfico

O fotógrafo coruñés Manuel Sendón visita NUMAX para presentar Espantallos, o seu último traballo. O acto terá lugar na Libraría NUMAX o vindeiro xoves 21 de xaneiro a partir das 20:00, e contará coa presenza do propio Manuel Sendón, acompañado do antropólogo Marcial Gondar e do historiador da arte Federico L. Silvestre.

Unha das ideas centrais que vertebra o novo álbum fotográfico de Manuel Senón reside na posta en valor da cultura da reciclaxe existente no rural galego, que atopa na figura do espantallo unha das súas expresións principais. Tal e como sinala o propio autor, «nos espantallos maniféstase esta actitude recicladora. Ás madeiras, á palla ou á roupa inservíbel vánselle unindo todo tipo de obxectos que xa perderon a súa función, incorporando tamén aqueles que pouco tempo antes eran unha innovación tecnolóxica, como as fitas de vídeo, cds e dvds».

A xénese de «Espantallos» sitúase nun paseo de Sendón por Xenebra no que, «atopamos, pendurado dunha árbore, un envase reciclado para recoller lixo. Axiña pensamos con admiración: cultura de reciclaxe. Cando en Galiza atopamos un tambor de lavadora convertido en testo, unha bañeira en bebedoiro ou un somier en peche dunha leira, dicimos con aire desprezativo: feísmo».

«Espantallos» foi editado por CEF Vigo e conta cunha edición limitada a 300 exemplares numerados e asinados polo autor.

Manuel Senón (A Coruña, 1951) conta cunha ampla traxectoria no eido da fotogafía en Galicia, sendo na actualidade profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e director do Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. Canda o tamén fotógrafo Xosé Luis Suárez Canal crea o Centro de Estudos Fotográficos (CEF) e coordina diversos libros monográficos arredor de figuras senlleiras da fotografía galega como Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Ksado, Luis Rueda, Arquivo Sarabia, Raniero Fernández e Virxilio Vieitez, ou o Arquivo José María Massó.

Froito da colaboración de Manuel Sendón e Suárez Canal artellouse a exposición «José Suárez, uns ollos vivos que pensan», que se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia até o 27 de marzo de 2016 e cuxo catálogo foi deseñado por NUMAX.