A Libraría NUMAX participa no proxecto «Marcapáginas» de Maider López
Marcapáginas, de Maider López, dentro do programa HPC de consonni, propón un proxecto para a edición en castelán de Vídeo Green de Chris Kraus e xorde dunha cita do libro («Hai un fetichismo conectado cos obxectos nesta clase de coleccionismo amateur (...) O obxecto crea un lazo entre a súa orixe e o coleccionista»). A partir desta idea do fetichismo dos obxectos, a proposta de López consiste en colleitar recordos que diariamente usamos como marcapáxinas. Podes participar deixando os teus na caixa do correo de recollida que temos instalada en NUMAX até o 25 de setembro inclusive.
Estas evocacións á cotidianidade persoal de quen queira participar nesta colección amateur serán incluídas en cada libro impreso de Kraus. Despois, quen vaia a unha libraría ou biblioteca levará o libro reproducido en serie, pero cunha particularidade única, a vivencia de alguén. Créase por tanto unha conexión, un lazo, entre quen atopa ese obxecto inesperado ao ler o libro e a persoa que viviu ese momento. Un recordo doutra persoa marca a lectura. Co paso do tempo, ao reler o libro poida que ata haxa quen crea lembrar o día que foi a tal museo, viu esa película no cinema ou fixo esa lista da compra a través do rexistro que atopa no libro, aínda que nesa ocasión o recordo sexa doutra persoa.
Marcapáginas é un proxecto da artista Maider López para o programa de residencias artísticas HPC do espazo cultural independente consonni, elaborado en relación ao libro Vídeo Green de Chris Kraus cuxa edición traducida ao castelán por Cecilia Pavón, publicará consonni edicións dentro da colección de critica cultural Paper.
Para participar podes depositar os teus obxectos planos ou recordos nun sobre, porlle selo e envialo por correo postal á dirección: consonni. C/ Conde Mirasol, 13-LJ1D. E-48003 Bilbao.
Outra maneira de participar é a través da caixa do correo de recollida que temos instalada en NUMAX. Tes tempo ata o 25 de setembro inclusive. Desde consonni farase unha selección daqueles obxectos que se consideren adecuados.
A partir de outubro o libro Vídeo Green de Chris Kraus (consonni, 2018) estará á venda na nosa libraría.
Maider López (San Sebastián, 1975). Licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e master en Chelsea College of Art de Londres, Maider López desenvolve o seu traballo intervindo no espazo público e na arquitectura. A súa obra foi amplamente exposta nacional e internacionalmente, por exemplo, na 51 Bienal de Venecia, 2005; Sharjah Biennial, 2009; 13 Bienal de Istambul, 2013 e Prospect 4 de Nova Orleans, 2017. Realizou proxectos no espazo público como Ataskoa, 2005; Polder Cup (Skor e Witte de With, Holanda), Eclats (Centro Pompidou-Metz), 2010; Mountain (Lower Austria Contemporary), 2013.
Realizou exposicións individuais como: 1645 Xices. Matadoiro Madrid, 2016 e Desprazamento. Koldo Mitxelena e MARCO de Vigo, 2015.
Video Green de Chris Kraus (consonni, 2018)
Video Green examina o boom da arte de Los Ángeles impulsado polos programas de graduados de alto perfil a finais da década de 1990. Sondando a superficie dos termos críticos en boga, Chris Kraus realiza unha brillante crónica de como a cidade de Los Ángeles se transformou, de súpeto, no epicentro do mundo da arte internacional e nun microcosmos da cultura máis ampla.
HPC, programa de residencia para artistas Habitación Propia Compartida. consonni apoia con recursos, ideas e tempo á artista para desenvolver un experimento público que máis que unha peza final acabada é un alto no seu camiño de investigación para compartir os seus procesos. O programa HPC conta co apoio de Educación, Política Lingüística e Cultura do Goberno Vasco e do Ministerio de Cultura.