Libraría

O Grupo de Estudos Audiovisuais presenta «Marcas na paisaxe»

Desde a Libraría NUMAX estamos moi felices de acoller a presentación do libro Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión. Será o martes 12 de xuño ás 20:00.

Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega conta coa participación de oito investigadoras que esculcan na relación do cinema galego con diversos aspectos esenciais da nosa cultura, como a emigración, a paisaxe, a lingua ou a procura dun cinema nacional-popular. No acto intervirá a coordinadora do libro e catedrática en Ciencias da Comunicación, Margarita Ledo Andión, o doutor en Historia da Arte Xosé Nogueira Otero, e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. No acto tamén estarán presentes as demais autoras do volume: Marta Pérez Pereiro, María Soliña Barreiro, Fernando Redondo Neira, Brais Romero Suárez, José Luis Castro de Paz e Xan Gómez Viñas.

«Ao abeiro de dúas efemérides, os cincuenta anos do 1968 como animador do cinema militante e a declaración de 2018 como 'Ano europeo do Patrimonio Cultural, Material, Inmaterial e Dixital', quixemos retomar os vieiros do cinema con capítulos que nos traian outra volta o cine de emigración, presente en cada período; que analicen como se filmou a terra e a idea da terra; que traten das diferentes propostas dun cinema nacional-popular; que se fixen na contribución constituínte do cinema militante a amador, amateur, e que nos axuden a lembrar aqueles momentos de debate en torno da lingua nas películas».