Libraría

Marco Armiero presenta o ensaio «Wasteoceno. La era de los residuos» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acollerá o mércores 15 novembro ás 20:30h a presentación do ensaio «Wasteoceno. La era de los residuos» de Marco Armiero editada por Catarata. No acto o autor estará acompañado de Roi Cuba Dorado, presidente da asociación Adega. Coloquio moderado por Bibiana Martínez. A entrada é libre ata completar aforo.

Parece que entramos nunha nova era xeolóxica, o Antropoceno, caracterizada pola dominación humana de todo o planeta. Este libro propón unha lectura diferente da nosa crise socioecológica; en lugar do Antropoceno, deberiamos falar do Wasteoceno, é dicir, unha era marcada pola produción continua de persoas, comunidades e lugares de refugallo. Nunha viaxe entre Nápoles e Agbogbloshie (Ghana), Marco Armiero conduce aos lectores ás entrañas do Wasteoceno, pero tamén sinala as experiencias de resistencia e as prácticas colectivas que o están desmantelando. Saír do Wastoceno é difícil, pero posible: en lugar de producir entulleiras, o reto é crear comunidade mediante o coidado e o intercambio. E isto é exactamente o que está a ocorrer en tantos lugares do mundo onde comunidades resilientes estanse reinventando a si mesmas e o seu futuro. Este evento está promovido polo Grupo de Ecoloxía Política Gaiás (CISPAC).
 
Marco Armiero é profesor de Investigación na Institución Catalá de Investigación e Estudos Avanzados ICREA, no departamento de Història da Ciència da Universitat Autònoma de Barcelona. Durante dez anos dirixiu o Laboratorio de Humanidades Ambientais do Real Instituto de Tecnoloxía de Estocolmo (KTH) e é o actual presidente da Sociedade Europea de Historia Ambiental. Traballou sobre a nacionalización da natureza, a migración e o medioambiente, e a xustiza ambiental. A través das súas investigacións, contribuíu á construción dunha ponte entre as humanidades ambientais e a ecoloxía política.