María Alonso visita a Libraría NUMAX para presentar «Transmigrantes. Fillas da precariedade»
A escritora viguesa María Alonso viaxa este xoves 20 de abril ás 20:00 até a Libraría NUMAX para nos presentar o seu libro Transmigrantes. Fillas da precariedade, editado por Axóuxere. No acto participará tamén a filóloga e investigadora Manuela Palacios.
En palabras da propia autora «Transmigrantes. Fillas da precariedade é un ensaio que tenta explicar o devir dun grupo moi concreto de persoas de entre trinta e corenta anos que, durante a década da mal chamada crise non foi quen de se asimilar no tecido laboral do país de orixe, e que ve na emigración un modo de supervivencia. Este colectivo, ao que me refiro como o precariado transmigrante caracterízase por ter unha importante bagaxe formativa pero que, en canto cruza a fronteira, sofre unha depreciación como capital humano. Trátase da mesma depreciación que forza a súa saída. Esta xeración non é unha xeración perdida; senón que é a xeración das oportunidades perdidas para o país que as e os expulsa.»
María Alonso naceu no barrio de Matamá, Vigo, licenciouse en Filoloxía Inglesa e Hispánica, doutorándose no ano 2014 pola Universidade de Vigo cunha tese sobre diásporas e ficcións culturais, publicada como Diasporic Marvellous Realism. History, Identity and Memory in Caribbean Fiction (Brill, 2015). Actualmente reside en Edimburgo, onde leva a cabo diferentes proxectos que varían dependendo da conxuntura do momento. Dedícase á escrita de ficción e poesía en lingua galega e inglesa. A súa primeira novela foi Despois do cataclismo (Urco Editora 2015). Ten publicado tamén varios relatos en antoloxías e revistas de creación literaria.