Libraría

María do Cebreiro presenta o ensaio «Maternidades virtuosas» na Libraría NUMAX

A investigadora, docente e poeta María do Cebreiro Rábade Villar presenta a tradución do seu último ensaio, Maternidades virtuosas (Akal), publicado en galego por Galaxia e galardoado co Premio Ramón Piñeiro 2021. Na presentación, que se celebrará no espazo da Libraría o xoves 5 de decembro ás 19h00 da tarde, a autora estará acompañará das docentes Laura Lojo e Teresa Moure.

Tradicionalmente, a literatura sobre a maternidade recibiu un tratamento polarizado: dunha parte, a variante apoloxética, a miúdo de ton confesional, que se propón defender a experiencia maternal ou argumentar sobre as súas bondades intrínsecas; doutra parte, a crítica ao vínculo entre feminidade e maternidade, articuladas desde certas variantes do feminismo contemporáneo e que adoptan unha dicción xeralmente científica. Fronte a estas dúas posibilidades, este ensaio concíbese como unha análise das condicións da crianza no mundo contemporáneo que non renuncia ao compromiso coas dimensións máis creativas e vitais da maternidade.

Tomando como punto de partida as implicacións sociais e culturais da crianza, María do Cebreiro Rábade examina os modelos parentais importados, a miúdo subrepticiamente, do mundo do traballo. Estas prácticas e dispositivos, proxectados ad infinitum nas redes sociais, pivotan ao redor das ideas de control e autocontrol –fundamentalmente control do corpo e control emocional, en ambos os casos do bebé e/ou da nai–, e en todos eles faise especialmente visible a conexión entre as novas maternidades e o neoliberalismo.

María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela, 1976) é escritora e profesora de Teoría da Literatura e Literatura comparada na Universidade de Santiago de Compostela. As súas principais liñas de investigación son a crítica cultural, o estudo dos afectos, a xeografía literaria, o comparatismo de ámbito peninsular e a narrativa do século XIX, temas aos quededicou artigos en revistas especializadas como Bulletin of Hispanic Studies, Rilce, Revista de Literatura, Romance Notes e Revista Canadiense de Estudios Hispánicos. Como ensaísta publicou as monografías Representación poética e ficción lóxica (2004), premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica; As terceiras mulleres (2005) e Fogar impronunciable. Poesía e pantasma (2011). É autora tamén de máis dunha ducia de poemarios entre os que destaca a triloxía composta por Os inocentes (2014), O deserto (2015, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia), e A lentitude (2017).