Libraría

Marina Mayoral, no «Tac, tac, tac» da Libraría NUMAX

A cuarta convidada do «Tac, tac, tac» será a novelista e catedrática mindoniense Marina Mayoral, que escribirá un relato único e exclusivo na máquina de escribir da Libraría NUMAX. O acto terá lugar o mércores 3 de maio ás 20:00.

Mariña Mayoral (Mondoñedo, 1942) é novelista e Catedrática de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid. As súas obras, tanto en galego como en castelán, foron traducidas ao alemán, italiano, portugués, polaco ou chinés, e varios dos seus contos se atopan nas mellores antoloxías en lingua española e tamén en antoloxías de inglés e alemán. Entre as súas novelas máis celebradas publicadas en galego encóntranse Ao pé do magnolio, Chamábase Luís, Case perfecto, Os anxos de Eva ou Unha árbore, un adeus, namentres en castelán destacan, entre outras, as premiadas Cándida otra vez (2º Premio de Ámbito Literario, Barcelona 1979), Al otro lado (Premio Novelas y Cuentos 1980), Plantar un árbol (Premio Gabriel Sijé 1981) ou La única libertad.

Ademais Mayoral ten destacado como unha investigadora punteira do campo literario, sendo especialmente nomeados os seus estudos sobre a obra de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán e as análises de poesía e prosa contemporáneas. A súa persoal pegada queda impresa tamén en colaboracións periódicas con xornais como La Voz de Galicia ou suplementos como El Semanal, onde ofrece un tratamento moi particular de asuntos de actualidade. A autora de Mondoñedo tense implicado tamén en proxectos editoriais, facendo parte do consello editor da colección Biblioteca de Escritoras de Editorial Castalia ou dirixindo a colección de narrativa Relatos de ed. Edhasa.

Lembramos que o O Tac, tac, tac é unha singular proposta deseñada polo escritor Suso de Toro que ten lugar todos os meses na Libraría NUMAX. Trátase dunha actividade literaria que busca preservar a experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario. Os escritores e escritoras convidados por De Toro teñen a misión de mecanografar un texto na propia libraría que quedará durante un mes no escritorio instalado para a ocasión.