Encontro A cor das palabras con Ricardo Matos Cabo sobre Ogawa Productions e o documental político en Xapón
No terceiro encontro do ano do ciclo A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago recibiremos a visita de Ricardo Matos Cabo, programador e investigador portugués experto na relación entre cinema documental e movementos sociais. Na súa aula afondará na obra de «Ogawa Productions e Sanrizuka: a loita contra a construción do aeroporto de Narita». Domingo 16 de xuño ás 11:30h.
Nesta edición 2024 do ciclo de encontros A cor das palabras non queremos deixar de profundar no traballo de investigación e divulgación de proxectos singulares da historia do cinema. Conta esta vontade convidamos o investigador independente Ricardo Matos Cabo para nos presentar a obra do documentalista xaponés Shinsuke Ogawa á fronte dun colectivo que, nos anos 60 e 70, acompañou e rexistrou o histórico movemento de protesta campesiña contra a construción do aeroporto de Narita, nas aforas de Tokio.
Así nos presenta este movemento o propio Matos Cabo: «De 1968 a 1977 o colectivo de cineastas Ogawa Productions documentou o movemento de resistencia do campesiñado e os seus aliados contra a destrución das súas aldeas e medios de vida para a construción dun novo aeroporto internacional en Sanrizuka. Esta loita durou varias décadas e foi un dos grandes movementos de oposición social de Xapón, cuxos ecos se senten aínda hoxe e resoan en loitas contemporáneas pola defensa da terra. Os membros de Ogawa Pro vivían na zona, na vila de Heta, que estaba no centro do conflito. Realizaron sete filmes sobre a loita e documentaron moitos aspectos da vida da aldea».
Tras varios anos de protesta, documentadas polo colectivo, as autoridades iniciaron expropiacións forzosas desencadeando unha gran violencia. O campesiñado, axudado polo estudantado, enfrontaranse a isto cun renovado sentimento de resistencia. Os cineastas adéntrase no corazón da loita seguindo os preparativos dos combates e participando deles. Entre momentos de enorme tensión, os labregos expresan as razóns da súa resistencia, a súa cólera e as súas esperanzas.
A visita de Ricardo Matos Cabo culminará no encontro A cor das palalabras que celebraremos o domingo 16 de xuño ás 11:30h da mañá con entrada gratuíta até completar aforo e a posibilidade de reservar praza no correo [email protected]. Para completar a visita celebramos dous pases dunha das obras clave do colectivo: Sanrizuka — Os campesiños da segunda fortaleza. O primeiro deles terá lugar na tarde do martes 11 de xuño e o segundo o sábado 15, con presentación e coloquio a cargo de Matos Cabo. Entradas xa á venda en web e billeteira.
O encontro está organizado polo Concello de Santiago e NUMAX e conta coa colaboración do Athénée Français de Xapón.
Ricardo Matos Cabo é programador de cinema. O seu traballo céntrase na historia do cinema documental, na intersección entre cinema e arquivo e na historia dos movementos sociais, cun foco especial no documental xaponés do postguerra. Xuntamente con Lucía Salas, coeditou o libro Se acercan otros tiempos - Peter Nestler. Actualmente é profesor da Elías Querejeta Zine Eskola de Donostia.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
As margaridas
VOSE
-
-
No Other Land
VOSE
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
Bird
VOSG