Cinema

Curtocircuíto e WOSINC presentan no Cinema NUMAX o primeiro filme da historia rodado en lingua tuareg

Curtocircuíto celebrará o próximo xoves 10 de setembro ás 22h unha proxección especial en colaboración co festival WOSINC: Akounak Teggdalit Taha Tazoughai, de Mdou Moctar, primeiro filme da historia rodado en lingua tuareg. Moctar, protagonista do filme e expoñente principal do "blues do deserto", actuará tamén no Festival WOSINC. A entrada á proxección será libre até completar aforo e as invitacións poderanse recoller o mesmo día da proxección a partir das 20h.

O festival de curtametraxes Curtocircuíto, que contará con NUMAX entre as súas sedes na edición de 2015, celebra o xoves 10 de setembro ás 22.00h unha proxección especial en colaboración co WOSINC, festival de música alternativa e de vangarda que terá lugar en Santiago de Compostela entre o 11 e o 13 de setembro. Akounak Teggdalit Taha Tazoughai foi o primeiro filme rodada en lingua tuareg e toda unha oportunidade de descubrir o cinema africano. Este traballo é o resultado dunha campaña de crowdfunding levada a cabo polo seu protagonista, o músico Mdou Moctar, o maior representante do «blues do deserto». Mdou, que fixo vibrar todo o Primavera Sound co seu directo, actuará tamén no WOSINC.