Cinema

Sorteo de abonos e entradas no filme número 1.000 de NUMAX

Desde que abrimos as portas de NUMAX pasaron pola nosa pantalla nada menos de 999 películas. Fainos moita ilusión cumprir un milleiro de títulos coa estrea de Nope, a nova marabilla do mestre do terror racial Jordan Peele. Ímolo celebrar con dous sorteos aos que podes optar coa túa entrada.

En marzo de 2015 o noso proxector prendía por vez primeira para alumar a pantalla coa copia recén restaurada de Nubes pasaxeiras presentada polo noso querido Aki Kaurismäki. Desde entón fomos numerando cada folla de sala que acompaña as nosas estreas até chegar aos 4 díxitos na estrea de Nope. Para agradecer os voso apoio, sen o cal estes mil felices encontros non serían posibles, imos celebrar dous sorteos nos que poderás participar coa túa entrada ao filme de Jordan Peele.

O venres 26 ás 19:30 faremos un primeiro sorteo de 1 entrada dobre para calquera sesión da nosa carteleira á que optarás automaticamente coa túa entrada. Ademais nos pases da primeira semana de Nope imos colocar unha urna á saída de cada sesión e entre todas as entradas depositadas sortearemos 1 abono anual (ou unha renovación gratuíta se xa es abonada) co que poderás acceder á sala de cinema por só 4€ durante 12 meses e gozar dun desconto do 5% nas túas compras da Libraría.

Por moitos filmes máis!