Libraría

Mónica Doldán presenta o seu traballo artístico «Registros del pozo azul»

A artista e deseñadora gráfica Mónica Doldán expón na Libraría NUMAX a súa última creación, que leva por título Registros del pozo azul. A exposición será presentada pola propia artista o venres 29 de abril ás 20:00.

O pozo azul é un documento artístico con rexistros escritos e fotografías que reflexionan arredor do traballo performativo da autora e parten cunha intención clara: ollar de forma diferente todo o que acontece. Nos textos descríbense sensacións, o como, o onde e o porque das sesións, detalles e conceptos que converteron finalmente as fotografías en obxectos simbólicos. Segundo sinala Doldán «esta dinámica libre foi un descubrimento para min, un acontecemento. E esta idea de acontecemento é clave para me recoñecer e recoñecer que é Eu e quen son os Outros no pozo».

Mónica Doldán conta cunha ampla traxectoria académica e profesional no campo da creación artística e o deseño gráfico, centrándose ao longo da súa carreira de xeito primordial nas técnicas de gravado e a encadernación artística. Agora, con 47 anos, Doldán presenta Registros del pozo azul, unha exposición na que tenta «reinformarse nas súas imaxes, nas súas palabras e recoñecerse de novo. Outra-artista».

Registros del pozo azul poderase visitar na Libraría NUMAX do 29 de abril ao 29 de maio cun horario de visita de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 de martes a domingo, coa excepción do domingo 1 de maio no que NUMAX non abrirá ao público.