Os cineastas asturianos Tito Montero e Ramón Lluís Bande presentan «Hilos» e «Contracampos»
O sábado 4 de novembro ás 19:00h recibimos a visita de Tito Montero e Ramón Lluis Bande, dous cineastas que empregan o cinema para afondar na memoria histórica e política de Asturies. Montero presentará a longametraxe Hilos e Bande, un habitual da casa, a curta Contracampos.
Na súa visita do sábado 4 de novembro, Montero e Bande ofrecerán presentación e coloquio de ambos filmes nunha sesión que se inclúe na programación d'Os ollos verdes de NUMAX.
Hilos (Tito Montero, 2022, 83', VOSE)
Durante o primeiro verán da pandemia, Tito Montero levou na man unha cámara recén mercada. Foi a primeira ocasión na que alguén gravou a súa familia. Oito décadas antes, o 1 de agosto de 1937, Felipe García Moro morreu na Batalla de Cimeru. Non existen imaxes súas. A xeración do primeiro arquivo audiovisual familiar coincidiu coa busca dalgunha pegada da vida dun avó que, até entón, nunca existiu. Influíu a condición de clase na memoria? A que tipo de persoas pode borrar a Historia?
Contracampos (Ramón Lluis Bande, 2022, 27', VOSE)
Contracampos é o intento de (re)construír unha paisaxe. Un área recreativa e un campo de tiro, á beira do mar Cantábrico, que entre 1937 e 1943 albergou un campo de concentración do franquismo polo que pasaron miles de republicanos -milicianos primeiro, guerrilleiros e os seus familiares máis tarde-. Compartindo co espectador unha observación pausada, o filme pretende resignificar ese espazo, devolverlle o seu significado político. Pero non se trata de mostrar -de filmar- o invisible, senón de facer ver no que hoxe existe aquilo que falta. O que estivo e xa non está, nin sequera no recordo da xente.
(FOTO: Marina Munárriz)
Tito Montero (Uviéu, 1978) é cineasta, xornalista e escritor. Dirixiu a primeira web serie da Televisión Pública Asturiana (TPA), Regreso a la aldea perdida, de onde naceu a súa longametraxe El pasado presente, seleccionado no FICX. A súas curtas Los ladrillos e Un fantasma recorre [...] puideron verse en certames como Xixón, Vila do Conde, Málaga, D'A ou Alcances. Ten tres libros publicados: la estrategia del roble, Charlize Teron y las democracias ardientes e 10 Corsarios. Desde 2015 conduce o programa de cultura Pieces e dirixe o espazo da TPA dedicado ao cinema La pantalla mecánica.
Ramón Lluís Bande (Xixón 1972) é cineasta e escritor. Bande ten visitado NUMAX en 2016 para ofrecer unha aula Os ollos verdes. Entre as súas películas destacan títulos como El fulgor (2002), Estratexa (2003), Equí y n’otru tiempu (premio FIPRESCI-Resistencias do SEFF 2015), El nome de los árboles (2015), Escoréu, 24 d’avientu de 1937 (2017), Aún me quedan balas para dibujar (2017), Cantares de una revolución (2018) ou Vaca mugiendo entre ruinas (2020). Os seus últimos llibros publicados son Cuaderno de la guerra (Pez de plata, 2021) e Un tesoru y una tumba (Impronta, 2023).