Libraría

Montse Sánchez Alonso presenta «El hielo de los suyos» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de El hielo de los suyos (Tránsito) de Montse Sánchez Alonso o vindeiro mércores 26 de marzo ás 19:00h. A autora estará acompañada da escritora Lara Dopazo. A entrada é libre ata completar aforo.

Estamos no remoto pobo de Nome, en Alaska, e corre o ano 1921. Ada Blackjack, moza iñupiat de vinte e tres anos, decide deixar nun hospicio ao seu fillo Bennett, enfermo de tuberculose, ata que atope a forma de mantelo. Axiña unha oportunidade cae do ceo: un barco chegado de Seattle. Nel van catro exploradores con ansia de aventura e fantasías coloniais. Diríxense á illa de Wrangell —o último refuxio dos mamuts— para habitar alí un tempo e anexionar o territorio ao goberno británico; están buscando a unha iñupiat que, por cincuenta dólares ao mes, cociñe e cosa para eles durante a travesía. Así é como Ada, desatendendo os agoiros do chamán, se embarca nunha expedición ártica. Poucos meses despois todos os exploradores morrerán. Acompañada da gata Vic, a muller enfrontarase á fame, ao frío e aos osos polares durante unha longuísima noite ártica que lle fará reapropiarse da súa identidade indíxena, extraviada tras anos de colonialismo.

Baseada nunha historia real, El hielo de los suyos é unha apaixonante novela de aventuras que nos fai reflexionar sobre as posibilidades do amor nun mundo colonial e ecocida. A través do lirismo e a sensualidade da súa prosa, Montse Sánchez Alonso dá conta da beleza da paisaxe do Ártico, pero tamén da violencia e as miserias do noso socioecosistema. Un debut conmovedor con descubertas en cada páxina.

Montse Sánchez Alonso naceu en Madrid, formouse na XIII Promoción do Mestrado de Narrativa de Escuela de Escritores, en cuxa revista publicou un dos seus relatos. Na actualidade imparte talleres de Escritura Creativa e terapéutica e dirixe o Club de lectura de ‘Once Café con libros’. El hielo de los suyos é a súa primeira novela.