Libraría

Presentación de «Mutaciones en el espacio público», con Fran Quiroga

O vindeiro xoves 27 de xaneiro ás 20:30 acollemos na Libraría NUMAX a presentación do libro «Mutaciones en el espacio público» (Ed. Bartlebooth, 2021), coa presenza dun dos seus coordinardores, Fran Quiroga, acompañado do artista e arquitecto Jacobo Bugarín.

Esta obra, Mutaciones en el espacio público, é un traballo coral que nace como unha aposta por pensar xuntas o que nos desvelou a pandemia. Un proceso que nos constrinxiu obligatoriamente do espazo público e que puxo en evidencia procesos políticos que afectaron á crecente normativización do espazo, a inequidade social, a desconfianza no outro, o desmantelamento de iniciativas públicas ou comunitarias ou a ansia pola inmediatez. Esta publicación é a primeira que lanza Concomitentes xunto á editorial Bartlebooth para reflexionar sobre a relación entre a arte e a cidadanía, e tamén unha posta en marcha de novos lugares de encontro basados na sostenibilidade, a escoita, os coidados e un convite por seguir construíndo en común.

Entre as contribucións que se inclúen no libro están as de Eneas Bernal, Haizea Barcenilla, Amador Fernández-Savater, Marcos García, María Shéhérazade Guidici, Alexander Koch, Amparo Lasen, Anastassia Makridou Bretonneau, Mary Mattingly, Jara Rocha, Hito Steyerl, Lindsey Stonebridge e José María TorresNadal; xunto a Sören Meschede e Fran Quiroga, como coeditores da obra.

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Fran Quiroga (Ourense, 1982) é investigador transdisciplinar e mediador da concomitancia Legado Cuidado de Concomitentes en Betanzos. Dende o seu traballo, hibrida campos de acción como son a creación contemporánea, a participación social e o pensamento. Dirixiu investigacións experimentais como o salóndoMARCO, Fiestas Raras ou Ruraldecolonizado, entre outras. É coeditor e coautor dos libros Pensar y Hacer en el medio rural (Ministerio de Cultura y Deporte, 2020), A través das marxes (Bartlebooth, 2017) e La fiesta, lo raro y el espacio público (Bartlebooth, 2019). Dende o 2015 traballa co grupo de investigación HISTAGRA na Universidade de Santiago de Compostela.