Os clubs de lectura de NUMAX en novo formato!

Comezamos cun novo formato para os nosos clubs de lectura! Cada mes organizaremos sesións independentes e poderedes inscribirvos a cada unha delas individualmente. As persoas que as conducirán tamén mudarán, nalgúns casos seremos nós mesmas, noutras serán editoriais ou profesionais de diversos ámbitos. Será sempre o mesmo día da semana: os martes ás 20:00h. Aquí van as nosas tres primeiras sesións de marzo coordinadas por NUMAX, e as editoriais Irmás Cartoné e Rodolfo e Priscila!
Neste novo formato a inscrición realizarase a través dun formulario web ou presencialmente na libraría. Cada unha das sesións terá un custo de 6€ (por sesión). O pago farase de forma presencial na libraría, previamente á celebración da actividade. O custe das sesións irá destinado a pagar a coordinación e a remuneración das persoas que as realizan. A reserva de praza para a sesión non estará confirmada ata realizar o pago.
Para que as sesións do club de lectura se leven a cabo, será preciso un grupo mínimo de 10 persoas (por sesión), e un máximo de 15 persoas.
A libraría ofrecerá un 5% de desconto ás persoas que se anoten no club de lectura e que queiran mercar os libros propostos en NUMAX.
Inscrición Club de lectura Los seres queridos: pincha aquí.
Inscrición Club de lectura O cuarto de Giovanni: pincha aquí.
Inscrición Club de lectura Orbital: pincha aquí.
_____________________
Martes 11 de marzo de 2025 | 20:00h
Los seres queridos de Evelyn Waugh (Anagrama) - Libreiras de NUMAX
Recuperamos este título de Anagrama escollido pola editorial como un dos máis representivos do seu catálogo no seu 55 aniversario celebrado en 2024.
Dennis Barlow, poeta e enterrador das mascotas dos ricos; Aimée Thanatogenos, maquilladora de mortos, e o señor Joyboy, gurú da espiritualidade, encóntranse e desencóntranse nesta emocionante —e inquietante— sátira social. Mentres explora o amor como cosmética e a morte como negocio, Evelyn Waugh retrata á sociedade californiana, que o propio novelista descubriu nas súas viaxes por Estados Unidos. Los seres queridos non é só a primeira gran novela sobre o mortuary business, senón tamén unha aguda mirada estranxeira sobre unha cultura onde as emocións e as experiencias se converten en mercadorías. Nesta festiva fábula de cans, amantes e enterradores, nada queda libre de ser banalizado.
Inscrición Club de lectura Los seres queridos: pincha aquí.
____________________
Martes 18 de marzo de 2025 | 20:00h
O cuarto de Giovanni de James Baldwin (Irmás Cartoné) - Irmás Cartoné
Celia Recarey e Carlos Valdés escolleron unha das súas últimas traducións ao galego, que continúa a recuperación da figura de Baldwin logo de que en 2024 se celebrase o centenario do seu nacemento.
Mentres agarda a que Hella, a súa moza, volva de España cunha resposta á súa proposición de casamento, David, un mozo estadounidense, inicia case sen querelo un intenso idilio con Giovanni, un camareiro italiano que coñece unha noite de xolda en París. Pero Hella regresa e David, vencido pola vergoña e o medo, abandona a Giovanni con tráxicas consecuencias.
Inscrición Club de lectura O cuarto de Giovanni: pincha aquí.
____________________
Martes 25 de marzo de 2025 | 20:00h
Orbital de Samantha Harvey (Rodolfo e Priscila) - Rodolfo e Priscila
Berta Dávila e Carlos Meixide escollen a súa última novidade, Orbital, unha novela ambientada no espazo, recoñecida co prestixioso Premio Booker en 2024.
Seis astronautas comparten os seus días e as súas noites dando voltas arredor da Terra a bordo da Estación Espacial Internacional. Cada un deles pasará alí uns nove meses, nove meses de ingravidez, nove meses coa cabeza inchada, nove meses vivindo como unha sardiña en lata. Forman parte dunha misión de rutina. Alá arriba, a catrocentos quilómetros de distancia, rexistran datos meteorolóxicos, fan experimentos, coidan da nave, practican deporte a diario e observan os continentes e as estacións, os glaciares e os desertos, os cumios das montañas e o movemento ondulante dos océanos.
Inscrición Club de lectura Orbital: pincha aquí.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
A viaxeira
VOSE
-
-
Muy lejos
VO