Cinema

NUMAX e CinEd amplían a súa oferta de proxeccións educativas no curso 2018/19

O catálogo do proxecto CinEd incorpórase un curso máis á oferta educativa do Cinema NUMAX, cunha coidada selección de filmes europeos de gran prestixio acompañados de materiais pedagóxicos dispoñíbeis desde agora mesmo para os centros de ensino de Santiago e comarca.

O proxecto CinEd, pertencente ao Programa MEDIA da Unión Europea, impulsado polo Institut Français e coordinada en España pola asociación A Bao A Qu, colabora por segundo ano consecutivo co Cinema NUMAX, facendo posíbel o desenvolvemento de proxeccións na sala de cinema nas que o alumnado participante poderá gozar dalgúns dos títulos de maior prestixio do panorama europeo. Cada sesión vai acompañada de materiais didácticos que permiten traballar con cada filme na aula antes e despois da sesión, e dunha presentación e coloquio na sala coordinada por persoal especializado de NUMAX. A actividade conta ademais cunha tarifa especialmente reducida de 2,5€ por alumno/a. Deixamos a continuación a relación de filmes dispoñíbeis arestora, que se irá ampliando ao longo do curso:

  • El espíritu de la colmena (Víctor Erice): Título esencial da historia do cinema español que recolle o trauma da postguerra na inesquecíbel mirada da pequena Ana Torrent.
  • En construcción (José Luis Guerín): Obra fundamental para o documental español contemporáneo que representa as mudanzas urbanísticas de Barcelona a través das historias humanas que habitan un barrio a piques de se transformar irreversibelmente.
  • El verdugo (Luis García Berlanga): Comedia satírica e drama social danse a man nunha das obras máis críticas realizadas durante o Franquismo, cénit creativo do marabilloso tándem formado polo director Luis García Berlanga e o guionista Rafael Azcona.
  • Il posto (Ermanno Olmi): Un dos grandes herdeiros do movemento neorrealista déixanos unha obra chea de tenrura e crítica social, a través da historia de Domenico, un rapaz de provincias que chega á cidade e coñece ao mesmo tempo o mercado laboral e o seu primeiro amor.
  • Pierro le fou (Jean-Luc Godard): A liberdade creativa chega á súa máxima expresión nesta obra mestra da Nouvelle Vague francesa, protagonizada por Jean-Paul Belmondo e Anna Karina. Unha road movie trepidante de espírito anárquico que mudou para sempre a linguaxe cinematográfica.

 

Consulta todas as condicións do programa no 981 560250 (Xan Gómez Viñas) ou no correo [email protected].