NUMAX

NUMAX faise co galardón Manuel Beiras, que premia o uso do galego na empresa

Na XX edición dos Premios Manuel Beiras que convocan anualmente a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago vén de resultar gañadora a cooperativa NUMAX, xunto a Strelia Electrotecnia e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.

O galego é a lingua exclusiva de funcionamento na documentación administrativa e societaria, así como cos eventuais clientes e provedores sempre que a súa sede social se atope en Galicia. A atención ao público no Cinema e a Libraría NUMAX realízase preferentemente en galego, sendo este o idioma exclusivo da súa sinaléctica e de calquera tipo de comunicación dirixida ao cliente. Se ben para a xente de NUMAX é unha ledicia resultar recoñecidas con este premio, o desexábel, tal e como manifestou Amado, sería que este tipo de galardóns non tivesen que existir e que o uso cotiá do galego estivese naturalizado e normalizado.

Toda a comunicación externa de NUMAX se realiza na nosa lingua. Ademais, NUMAX é unha das poucas salas galegas que elaboran a súa comunicación e a súa operativa (billeteira virtual) integramente en galego. Impulsa un programa de subtitulado de filmes ao galego co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e, sempre que existe a posibilidade, a opción preferente de subtitulado é a galega. Ademais, o programa didáctico “NUMAX na Escola” elabora unidades didácticas en galego e conta cun catálogo de filmes subtitulados exclusivamente neste idioma.

Desde a Libraría NUMAX promóvense actividades anuais de posta en valor da creación literaria galega, apóstase polas presentacións e encontros con autores do panorama literario actual e disponse dun apartado web de contidos bibliográficos en galego. Resérvase un espazo preference ao galego na selección dos fondos: libros procedentes tanto das principais editoras como de selos máis minoritarios cunha distribución máis restrinxida... Ademais, particípase sempre se pode en feiras ou celebracións destacadas pola súa defensa da lingua galega.

Tamén o Laboratorio NUMAX de Gráfica, Comunicación e Vídeo se comunica cos seus clientes con sede social en Galicia en galego en todos os seus soportes.

O xuri do premio estivo constituído por:

Xabier Freire, representante da Cámara de Comercio de Santiago, que preside a sesión
Noa Díaz, concelleira do Concello de Santiago.
Gregorio Ferreiro, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Ernesto Xosé González, en nome da Universidade de Santiago de Compostela.
Miguel López Crespo, en representación da Unión de Consumidores de Galicia.
Darío Janeiro, designado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
David Cobas, en nome da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística.
Alonso Alvite e Sabela Asorey, en representación da empresa Construcións Alvite González, premiada na edición anterior na categoría de uso continuado do galego.