Cinema

NUMAX na Escola amplía o seu catálogo de filmes educativos para escolas e institutos

Chegou o momento de volver ás aulas e en NUMAX na Escola estamos máis que preparadas. Velaquí tedes a nosa oferta educativa para o curso 2018/2019, cun catálogo ampliado e en constante renovación que inclúe propostas para cursos de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Comezamos!

No Cinema NUMAX seguimos convencidas da capacidade transformadora e formativa do cinema que, ademais de ser unha experiencia artística única, permite ao alumnado avanzar na súa educación en valores e coñecementos. O catálogo que presentamos a continuación ten como piar fundamental o visionado na sala de cinema de obras de valía contrastada en festivais internacionais. Cada visionado estará acompañado de materiais didácticos específicos que permitirán traballar cada filme, antes e despois da sesión, e conta cun prezo moi reducido de 4€ por alumno/a.

https://i.ytimg.com/vi/Wz0nXAypAXw/maxresdefault.jpg

Educación infantil e primaria

Neste novos curso a oferta de NUMAX na Escola amplíase para chegar aos máis pequenos do cole, con propostas desde os 4 anos de idade que inclúen compilacións de curtametraxes de grande acabado visual como as míticas Aventuras da toupiña do checo Zdenek Miler. Avanzando niveis, xa en primaria, atopamos algunhas das maiores obras da animación contemporánea (A vida de Cabaciño, O malvado raposo feroz, O neno e o mundo, O principiño), canda emocionantes filmes de acción real (Aves de paso) ou os tres grandes mestres da comedia que non precisa palabras para nos facer rir e chorar: Charles Chaplin, Buster Keaton e Jacques Tati.

Descarga o catálogo para infantil e primaria premendo aquí.

https://forumwk.de/wp-content/uploads/2016/03/suffragette-4-rcm0x1920u.jpg

Educación secundaria e bacharelato

No caso dos cursos de secundaria e bacharelato, a nosa proposta vertébrase arredor de diferentes eixos temáticos e valores transversais presentes nos currículos educativos. Falamos da educación en igualdade (Tódalas mulleres que coñezo, Sufraxistas, Girlhood), arte e literatura (Loving Vincent, O principiño, Un saco de bólas), historia e presente (a crise dos refuxiados n'O outro lado da esperanza, o racismo en I Am Not Your Negro, a xestación do "Manifesto comunista" en Karl Marx de mozo...), os procesos de crecemento (O león dorme esta noite, En voz alta) ou clásicos fundamentais que nos permiten comprender mellor a nosa Historia (Os 400 golpes, As uvas da ira, Ladrón de bicicletas, O gran ditador, etc.)

Descarga o catálogo para secundaria e bacharelato premendo aquí.

Unha proposta amena e variada que iremos actualizando ao longo do curso. Para máis información podes escribirnos a [email protected] ou chamar ao 981 560250 (Xan Gómez Viñas).