Novo catálogo de NUMAX na Escola para o curso 2019/20

Arranca o curso de NUMAX, cun catálogo renovado de filmes que poñemos á disposición do profesorado para o desenvolvemento de proxeccións escolares na sala de cinema. O catálogo conta con propostas para todas as idades e cada sesión está acompañada de material didáctico específico e presentacións en sala.
Educación infantil e primaria
O catálogo elaborado para cursos de infantil e primaria conta cunha importante ampliación neste novo curso, cun total de 30 filmes de animación estreados ou premiados nos certames internacionais máis importantes. En cada filme do catálogo aparece sinalada a idade mínima recomendada, así como os datos técnicos básicos, duración, sinopse, premios e principais valores explorados por cada fita. Os filmes específicos para cursos de infantil e primeiros cursos de primaria adoitan ter unha duración de non máis de 1 hora e compilar varias curtametraxes, para facilitar o seu seguemento por parte do alumnado. Nestes casos, nos que a capacidade de lectura está en desenvolvemento, poderase optar pola versión dobrada.
O resto dos filmes, dedicados a alumnado de 7 anos en diante, ofrécense en versión orixinal subtitulada e inclúen grandes obras da animación recente como son O principiño, Cavernícola ou O meu veciño Totoro entre moitas outras. Contamos tamén cunha importante ampliación no campo do anime, con obras de Hayao Miyazaki e outros mestres da animación xaponesa.
=> Catálogo completo de infantil e primaria
Secundaria e bacharelato
Para os cursos de educación secundaria e bacharelato o catálogo estrutúrase en base a eixos temáticos, para facilitar que os contidos e valores se adapten ás necesidades curriculares do profesorado. As categorías propostas para o novo curso son as seguintes: Educación en igualdade; Arte, cinema e literatura; Desenvolvemento sostíbel; Historia e presente; Cinema nas aulas; Animación xaponesa; Novo Cinema Galego; Grandes clásicos.
Todos os filmes serán proxectados en versión orixinal con subtítulos, en moitos casos en galego (VOSG nas fichas). Cada sesión inclúe unha presentación e folla de sala específicas con contidos complementarios ao filme.
=> Catálogo completo de secundaria e bacharelato
Funcionamento da actividade
A actividade consta das seguintes fases:
- As sesións son matinais (preferentemente con inicio ás 10:00) con data a concretar entre a sala e o profesorado.
- Prezo especial reducido de 4€ por alumno/a.
- Grupos dun mínimo de 50 alumnos/as e máximo de 70. No caso de grupos con menos de 50 consultar coa sala para buscar alternativas.
- Todos os filmes contan con material didáctico asociado que se entregará unha vez concertada a sesión e presentación previa ao pase.
Para máis información escribir a [email protected] ou chamar ao 981 560 250 (Xan Gómez). Agardámosvos!
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
A viaxeira
VOSE