NUMAX

Volve NUMAX na Escola!

Como cada inicio de curso retomamos o noso programa didáctico NUMAX na Escola, que conta cun catálogo amplo e renovado de filmes para o seu visionado en pantalla grande acompañado de materiais didácticos. Neste curso 2024/25 a proposta chega tamén á Libraría, cunha ampla oferta de servizos bibliográficos para o profesorado e centros de ensino.

Catálogo de películas para educación infantil e primaria


Fotograma de Sylvanian Families: A película

O catálogo de filmes para educación infantil e primaria está organizado en base aos rangos de idade recomendada, con compilacións de curtametraxes para crianzas e primeiros cursos de primaria, e longas de animación especialmente adaptadas para os últimos cursos do ciclo.

Entre as novidades para este 2024-25 destacamos a adaptación ao cinema das entrañables protagonistas de Sylvanian Families: A película, a fermosa animación francesa Sirocco e o reino dos ventos e a divertidísima fita norueguesa Tres ladróns e un león. Para 7 anos en adiante engadimos dúas obras do gran Hayao Miyazaki Nicky, a aprendiz de bruxa e Porco Rosso—, A canción do mar, do prestixioso estudio irlandés Cartoon Saloon e Wonka, a partir do inspirador personaxe de Roald Dahl.

Descarga aquí o catálogo completo para infantil e primaria.

Catálogo de películas para secundaria e bacharelato


Fotograma de As neves (Sonia Méndez)

No tocante á nosa proposta para os cursos de secundaria e bacharelato, o catálogo segue estruturado en base aos seus eixos temáticos. A actual proposta pódese complementar cos filmes que estreamos na sala durante o curso pasado ou no que está a comezar previa consulta coas encargadas da actividade.

Entre as novas fitas destacamos pezas para o fomento da lectura como A los libros y a las mujeres canto, obras que reivindican a igualdade en todas as súas formas e manifestacións —Te estoy amando locamente, Sempre nos quedará mañá, Crossing—, películas que afondan na nosa Historia para afrontar mellor o presente —El maestro que prometió el mar— ou fitas que tratan a etapa adolescente As Neves, Nicky, a aprendiz de bruxa, Monstro—.

Tamén engadimos ao presente catálogo grandes fitos da animación contemporánea como O rapaz e a garza e Nausicaä do Val do Vento, ambas de Miyazaki, a oscarizada e moi emocionante Robot Dreams, de Pablo Berger e os últimos logros do cinema galego como é o caso de ¡Salta! ou Xustiza artificial.

Descarga aquí o catálogo completo para secundaria e bacharelato.

Funcionamento da actividade

Recordámosvos que as proxeccións de NUMAX na Escola realízanse no Cinema NUMAX de Santiago de Compostela (Rúa Concepción Arenal, 9) de luns a venres en horario de mañá —preferentemente entre as 10:00h e as 12:00h— nunha data a convir entre o centro e a sala. O prezo da entrada é de 4€ por alumno/a sempre que haxa un grupo mínimo de 40 persoas.

Para acadar máis información ou reservar unha sesión podedes escribir a [email protected] ou chamar ao 698 170 377 (Xan Gómez).

Libraría NUMAX na Escola

Neste novo curso a Libraría súmase ao catálogo de NUMAX na Escola coa oferta de diferentes servizos destinados a profesorado e centros de ensino:

  • Orientación e selección de itinerarios bibliográficos para bibliotecas.
  • Servizo de novidades editoriais.
  • Escolla de DVDs e Blu-Rays.
  • Visitas guiadas á libraría con acompañamento das traballadoras.
  • Asesoramento personalizado e selección de libros para clubs de lectura.
  • 10% de desconto en pedidos para centros educativos.

ℹ️ Infórmate dos nosos servizos de Libraría no correo librarí[email protected] ou no teléfono 981 560 250 (ext. 2).