Cinema

«Verán 1993» encabeza a proposta didáctica de NUMAX para o curso 2017/2018

Co regreso do curso escolar reactivamos con forza a proposta didáctica do Cinema NUMAX, dando continuidade ao noso compromiso coa vertente educativa do mellor cinema en versión orixinal. A continuación, achegamos as novidades principais dos dous proxectos que ofrecemos, o xa consolidado NUMAX na Escola, que engade seis novos títulos subtitulados ao galego co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o inicio da nosa colaboración con CinEd, unha iniciativa do Programa MEDIA da Unión Europea, impulsada polo Institut Français, coodinada en España pola asociación A Bao A Qu e en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe, que permite unha aproximación ao máis selecto patrimonio cinematográfico europeo. Comezamos!

NUMAX na Escola

En que consiste a actividade?

  • Un catálogo de filmes especialmente seleccionados para público mozo proxectados en versión orixinal con subtítulos ao galego.
  • Presentación na sala por persoal especializado de NUMAX na que se afondará nos principais valores formativos de cada filme.
  • Confección dunha folla de sala con materiais asociados a cada obra (entrevistas co autor, críticas, sinopses, fichas técnicas, etc.)
  • Entrega ao profesorado de distintos materiais específicos (making off, entrevistas, tráilers) que faciliten o traballo na aula antes e despois de cada sesión.
  • Horario: De luns a venres en sesión matinal, preferentemente de 10:00 a 12:00 horas.
  • Asistencia mínima de 50 alumnos/as e máxima de 70.
  • Entrada: 4,5€ por alumno, a tarifa máis barata na actividade habitual do Cinema NUMAX.

O catálogo

Verán 1993
A sensación da tempada, multipremiado en festivais e recentemente seleccionado para representar a España nos Oscar 2018. Un filme sutil e autobiográfico que nos relata o primeiro verán dunha nena de 7 anos coa súa familia de acollida tras quedar orfa. O efecto terapéutico do xogo canda a súa nova irmá suavizará unha adaptación nunca doada.
Recomendado para cursos de primaria, secundaria e bacharelato | Ver tráiler

O outro lado da esperanza
A crise dos refuxiados, retratada co peculiar sentido do humor do gran autor finés Aki Kaurismäki, mereceu o premio a mellor director na Berlinale e premio FIPRESCI da Crítica Internacional en 2017. Unha profunda defensa da multiculturalidade e os dereitos humanos a partir dos encontros e desencontros dun refuxiado sirio que chega a Helsinki por accidente.
Recomendado para cursos de secundaria e bacharelato | Ver tráiler

I Am Not Your Negro
A loita polos dereitos civís nos Estados Unidos, a través do pensamento de James Baldwin que remite, entre outros, a Malcolm X e Martin Luther King. Un filme exemplar e didáctico contra a intolerancia e o racismo nomeado aos Oscar ao mellor documental en 2017
Recomendado para cursos de secundaria e bacharelato | Ver tráiler

Phantom Boy
Dos directores de Un gato en París, nomeado ao Oscar ao mellor filme de animación en 2012, nace este trepidante filme de gánsters, cunha coidadísima animación que lembra, no aspecto visual, a banda deseñada e a arte cubista. O personaxe de Leo, un paciente de once anos que ten o poder de saír do seu corpo e atravesar paredes, ha demostrar que a fantasía é sempre máis forte cá enfermidade.
Recomendado para cursos de primaria, secundaria e bacharelato | Ver aquí

La idea de un lago
Inés, unha moza embarazada que pasa xa da trintena, emprende un libro de fotografías a partir da única imaxe que conserva co seu pai, desaparecido na Ditadura arxentina. A ollada luminosa da propia Inés de pequena embárcanos nun evocador exercicio de construción da memoria.
Recomendado para todos os públicos | Ver filme

A rapaza descoñecida
Magnífico exemplo de cinema social da man dos célebres Irmáns Dardenne. Unha investigación do estilo dos libros de Agatha Christie leva á protagonista, unha médico de familia dunha pequena vila de provincias en Bélxica, a unha peculiar toma de conciencia.
Recomendado para cursos de secundaria e bacharelato | Ver filme

Á par dos novos títulos, continúan dispoñíbeis os filmes e unidades didácticas das obras que figuraban até o de agora no noso catálogo: Girlhood, O principiño e Los hongos.

CinEd

A finais do curso pasado o Cinema NUMAX incorporouse a CinEd, unha iniciativa do Programa MEDIA da Unión Europea impulsada polo Institut Français e coordinada en España pola asociación A Bao A Qu e en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe, que dispón dun catálogo distinguido pola súa calidade que percorre distintas etapas do patrimonio cinematográfico europeo. Grandes obras clásicas e contemporáneas que, ao igual ca Ana Torrent en El espíritu de la colmena, permitirán ao alumnado unha primeira aproximación ao cinema como experiencia artística.

En que consiste a actividade?

  • Selecto catálogo con filmes clásicos e contemporáneos, proxectados no Cinema NUMAX na súa versión orixinal con subtítulos en español.
  • Unidades didácticas especialmente elaboradas para traballar cos filmes na aula antes e despois de cada sesión.
  • Presentación e coloquio a cargo de persoal especializado na sala.
  • O profesorado comprométese a desenvolver algunha das actividades propostas nas unidades didácticas e compartir a experiencia no blog de CinEdhttp://www.cined.es/es/blog
  • Horario: De luns a venres en sesión matinal, preferentemente de 10:00 a 12:00 horas.
  • Asistencia mínima de 50 alumnos/as e máxima de 70.
  • Entrada: 2,5€ por alumno/a.
  • Desde CinEd recoméndase o visionado de 2 ou 3 filmes do catálogo ao longo do curso para posibilitar a análise comparada entre distintas épocas e linguaxes.
  • Pódese acceder ás actividades de CinEd a través do Plan Proxecta, unha proposta educativa máis ampla desenvolvida pola Xunta de Galicia que inclúe a formación do profesorado: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/19754

O catálogo

A proposta de títulos de CinEd é a seguinte: El espíritu de la colmena (Víctor Erice), En construcción (José Luis Guerín), El verdugo (Luis García Berlanga), La vuelta a clase (Jacques Rozier), Il posto / El empleo (Ermanno Olmi), Pierrot le fou (Jean-Luc Godard), O sangue (Pedro Costa), Uma pedra no bolso (Joaquim Pinto), Pequeña luz (Alain Gomis), Cómo celebré el fin del mundo (Cătălin Mitulescu).
Máis información de cada filme: http://www.cined.es/gl/peliculas

Contacto

Para acadar máis información ou contratar sesións, tanto de NUMAX na Escola como de CinEd, non tedes máis ca escribir a [email protected] ou chamar ao 981560250 preguntando por Xan Gómez, coordinador das actividades didácticas do Cinema NUMAX. Agardamos as vosas propostas!