NUMAX

NUMAX asóciase con Som Energia para empregar electricidade 100% renovábel

Desde o pasado mes de xuño NUMAX consume enerxía de orixe exclusivamente renovábel tras asociarse á cooperativa de consumo catalá Som Energia para o seu subministro eléctrico. Deste xeito, NUMAX ratifica o seu compromiso coas enerxías limpas e o desenvolvemento sostíbel ao tempo que estreita os seus lazos con iniciativas de orixe cooperativista.

Segundo os datos dispoñíbeis, as compañías comercializadoras do sistema eléctrico español ofrecen, por termo medio, unha enerxía cuxa orixe é renovábel tan só nun 35%. A procedencia do 65% restante atópase, por tanto, en enerxías non renovábeis e nocivas para o medio ambiente como a térmica ou a nuclear. Porén, a enerxía subministrada por Som Energia ten unha orixe certificada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) 100% renovábel.

Som Energia é unha cooperativa de consumo sen ánimo de lucro fundada en 2010 en Girona que comercializa de xeito independente enerxía exclusivamente renovábel. En 2012 foi galardoada co Premio Solares Europeos e conta na actualidade con máis de 23.500 socios e socias, entre os que xa se atopa NUMAX.