Libraría

Nuria Vilán presenta o poemario «Simún» na Libraría NUMAX acompañada de Vanessa Glemsel

A Libraría NUMAX acollerá o xoves 17 de marzo ás 20:30h da tarde a presentación do poemario «Simún» de Nuria Vilán editado por Chan da Pólvora. Neste encontro a poeta estará acompañada por Vanessa Glemsel, coa que comparte traballo artístico e coa que forma o espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro.

Máis coñecida nos circuítos da poesía escénica baixo o nome de Nuria Vil e despois de publicar en diferentes antoloxías como dentes para a mazá, Nuria Vilán Prado dá o salto ao formato libro con Simún, é o seu primeiro poemario en solitario. O editor, Antón Lopo, dixo que os versos deste poemario “móvense entre o imprevisible e o cataclismo, entre o atrevemento e a loita contra unha mesma como índice de xenialidade”. A presentación en NUMAX será unha oportunidade para achegarnos aos versos enérxicos e violentos e a beleza fluorescente de Simún. No acto, que terá lugar ás 20:30h na Libraría NUMAX, a autora estará acompañada pola tamén poeta Vanessa Glemsel. 

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Ademais o acto será retransmitido a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo). Desenvolve o seu traballo artístico no eido da palabra falada. Forma parte do proxecto de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel. Traballa como creadora de contidos na canle de YouTube Coidado coa cadela e xestiona un perfil na plataforma de mecenado Patreon. Colaborou en proxectos de carácter multidisciplinar, entre eles o espectáculo Por Xela!, realizado polo grupo A Banda da Loba en homenaxe a Xela Arias. Mantén unha colaboración coa marca de roupa ourensá Salsa Gaucha e é integrante da plataforma literaria A Sega.

O traballo artístico de Vanessa Glemsel tamén está vencellado á oralidade e á palabra falada. Forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro, dirixe o selo editorial independente Fetiche e traballa como docente de galego na Universidade de Cáceres. É autora de Sutura (Urutau, 2019) e a súa obra aparece recollida en varias antoloxías poéticas e fanzines.