Cinema

Dobre visita de Oliver Laxe para presentar «Mimosas» e impartir a Aula «Os ollos verdes»

Oliver Laxe é sen dúbida o gran protagonista do arranque de 2017 en NUMAX. O cineasta galego fará unha primeira visita á sala o xoves 5 de xaneiro para presentar a estrea de Mimosas. Uns días máis tarde, o sábado 14 de xaneiro, Laxe regresa a NUMAX para impartir a Aula «Os ollos verdes».

Achégase a primeira data sinalada para a cinefilia galega neste 2017. O xoves 5 de xaneiro NUMAX Distribución estrea en salas de todo o Estado Mimosas o filme gañador do Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes 2016. Para celebrar o acontecemento Oliver Laxe visitará NUMAX para presentar as dúas sesións do día de Mimosas. Na primeira sesión, ás 18:00, Laxe fará presentación e coloquio posterior ao filme namentres na segunda, ás 20:30, unicamente haberá presentación da película. Xa se poden adquirir entradas para ambas sesións na billeteira de NUMAX e a través da nosa web: https://numax.org/cinema/ficha/mimosas

Partindo de referentes aparentemente tan arredados entre si como as novelas de cabalería, os relatos orientais, Pier Paolo Pasolini, o cinema independente americano, ou Werner Herzog, Oliver Laxe tece en Mimosas un «filme sobre a fe que se goza como unha película de aventuras». Un western espiritual que o autor coruñés prefire definir como eastern ao estar gravado nas maxestosas montañas do Atlas marroquí e beber da filosofía sufí.

14 de xaneiro: Aula «Os ollos verdes»

A presenza en NUMAX de Oliver Laxe terá unha segunda volta a mediados de mes, en concreto o sábado 14 de xaneiro ás 11:30, día no que impartirá a Aula «Os ollos verdes» baixo o título: Mimosas, unha música de pasos e de libros. Nesta clase maxistral Laxe afondará no percorrido creativo que fixo posíbel Mimosas, entrando en diálogo co público asistente. Para esta primeira entrega do ano da Aula «Os ollos verdes» haberá unha entrada de 3€ para podermos sufragar unha parte dos gastos da aula. Se desexades adquirir a vosa entrada podédelo facer xa na billeiteira de NUMAX ou a través da nosa web: https://numax.org/carro/ticket/paso3/aula/2842