Volve o ciclo Os ollos verdes con «Misión a marte» e Orson Welles
Coa volta ao curso universitario regresa tamén a nosa liña de programación Os ollos verdes, que xunta as propostas máis arriscadas e anovadoras da carteleira. Arrancamos o mércores 4 de outubro cun pase especial de Misión a Marte con presentación e coloquio do seu autor.
Se estudas unha carreira universitaria e che gusta o cinema non deixes pasar o ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX que che permitirá, asistindo a 12 ou máis sesións ao longo de todo o curso, acadar 1 crédito ECTS grazas a un acordo entre NUMAX e a USC. Esta liña de programación reúne pezas contemporáneas que asumen riscos na procura de novas linguaxes para o cinema pero tamén inclúe pezas de Repertorio que recupera grandes clásicos da historia do cinema.
O ciclo regresa este mércores 4 de outubro ás 18:50h cun pase especial de Misión a Marte que contará coa presenza na sala do seu autor, Amat Vallmajor del Pozo. O filme é unha delirante road-movie postapocalíptica protagonizada por dous irmáns vascos que teñen a misión de viaxar a Marte. O pase inclúese nunha xira de presentación do filme nas salas independentes que compoñen o xurado Latexos do Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra da que o ano pasado foi a peza gañadora.
Pero neste mes de outubro hai máis citas que computan para o ciclo e ás que poderás acceder con tarifa reducida selando a túa tarxeta Os ollos verdes. Desde este martes 10 de outubro poderedes gozar do Foco Orson Welles, con pases únicos de 4 obras clave deste xenio da historia do cinema. A primeira cita, para a que xa se pode reservar butaca, será coa extraordinaria Macbeth e máis adiante tocaralle quenda a Othello (17 de outubro), Míster Arkadin (24 de outubro) e Fraude (30 do mesmo mes).
A terceira cita co ciclo neste mes terá lugar o 22 de outubro no que nos sumamos ao Día Internacional de Acción pola Despatoloxización Trans cun pase especial de Alex & Munchie: contra o cisheteropatriarcado, ficción documental, que explora o que significa representar vidas trans, cuir e lésbicas na arte, dirixida e protagonizada polas creadoras e activistas galegas Xácia Ceive e Carmen Granxeiro que ofrecerán presentación e coloquio na sala.
Recorda que para a obtención de 1 crédito ECTS cómpre que sexas estudante da USC e debes solicitar a túa tarxeta do ciclo na billeteira da sala para selala en cada sesión e poder acceser aos pases a 4€. Ao completar os 12 visionados deberás realizar un traballo dun mínimo de 5.000 caracteres sobre algún dos aspectos do ciclo ou dalgún filme que che chamase especialmente a atención. Podes acadar máis información en [email protected].