Cinema

Arranca «Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX»

Presentámosvos a primeira parte da programación de «Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX», unha coidada selección de filmes que, maila contaren cun importante percorrido en festivais e teren acado logros artísticos significativos, non contan con estrea comercial en España. O programa comeza o 9 de outubro coa estrea de Abrir puertas y ventanas e prolongarase de maneira continuada até xuño de 2018. Ademais, se es estudante da USC poderás obter 1 crédito ECTS pola asistencia ás proxeccións.

Desde o inicio da nosa actividade, no Cinema NUMAX ofrecemos un espazo da nosa carteleira á estrea de obras relevantes do panorama cinematográfico que non contan con distribución comercial. Neste curso 2017/2018 decidimos agrupalas no ciclo «Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX», un programa que contará con nada menos que 15 estreas, de outubro de 2017 a xuño de 2018. A continuación dámosvos conta das estreas xa confirmadas para o último trimestre deste ano:

Estrea: luns 9 de outubro
Abrir puertas y ventanas | Milagros Mumenthaler | 2011 | Locarno 2011: Mellor filme, actriz, FIPRESCI; Mar del Plata 2011: Mellor filme, guión.
Buenos Aires, final do verán. Tras a morte da avoa Alicia, coa que creceron, as tres irmás Marina, Sofia e Violeta, conviven na casa familiar aprendendo cada unha a sobrelevar esta ausencia. Un incerto entretempo cargado de risas, discusións e agarimos, até que un día de outono, de súpeto, Violeta desaparece.

Estrea: luns 30 de outubro
Le parc | Damien Manivel | 2016 | Novos Cinemas: Mellor filme.
É verán, dous adolescentes teñen a súa primeira cita nun parque. Inicialmente están indecisos e amósanse tímidos. Pasean, parolan e pouco a pouco namóranse. Pero chega a noite e a hora de separarse...

Estrea: luns 27 de novembro
Tony Conrad: Completely in the Present | Tyler Hubby | 2016 | Indielisboa 2016: Premio Indiemusic.
Utilizando gravacións íntimas de Tony Conrad rodadas durante os últimos 22 anos, esta obra reflicte o seu propio enfoque radical para facer arte. Tony Conrad foi un dos grandes artistas norteamericanos do seu tempo, pero para o mundo en xeral segue a ser bastante descoñecido.

Estrea: luns 11 de decembro
Berserker | Pablo Hernando | 2015 | Sevilla 2015: Premio especial Nuevas Olas
Unha cabeza humana pegada ao volante dun coche. Este é o fío do que empeza a tirar o taciturno escritor Hugo Vartán. Unha misteriosa cadea de mortes e desaparicións tras as que se perderá, a modo dun Se ha escrito un crimen en versión mumblecore, un Dashiell Hammett postcrise, que vive a base de patacas, café e cigarros.

E se es estudante da USC...

«Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX» conta ademais co recoñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, que concederá 1 crédito ECTS de 25 horas a todas aquelas persoas inscritas na actividade que asistan a 12 ou máis proxeccións durante o curso académico entre os meses de outubro e xuño (incluídos) e que elaboren ademais algún contido específico, cunha extensión mínima de 5.000 caracteres, que teña relación con calquera aspecto do programa (un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga o programa completo de maneira máis informativa, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia extraída do programa, algún achegamento analítico).

Cada entrada para as persoas inscritas e para os filmes deste programa será de tarifa única a 5€, calquera día da semana e a calquera hora. A inscrición no programa realizarase na propia billeteira do Cinema NUMAX. Ao retirar a primeira entrada, o/a alumno/a recibirá unha tarxeta de inscrición a seu nome, na que se irá marcando a asistencia a cada unha das sesións.